Silencio cósmico

Entre tanto barullo terreal, aquí e acolá nos diversos currunchos do planeta, causa da crispación política e social derivada da desigualdade e inxustiza que reina no mundo, peta na nosa porta unha achega da comunidade científica que, nun paradoxo poético, fala da fatalidade do silencio cósmico. 
Poderosa metáfora para unha comunidade humana que, conforme á proclama institucional da ONU, malia non existir un rexistro civil fiábel no ámbito propio desta organización diplomática internacional, vén de anunciar que a especie humana do planeta Terra traspasa a barreira dos oito mil millóns de habitantes; e dicir, que naceu a nena ou neno que marca esta cifra, un dato de crecemento exponencial ao que se chega multiplicando por tres o número de persoas que poboamos as diferentes xeografía deste mundo habitábel, nos últimos setenta anos; e, peor aínda, coa perspectiva de chegar aos dez mil millóns no marco deste século que está a correr. Alarmante.
 

Neste ambiente sempre existiu certa esperanza en atopar outros mundos habitábeis para o previsible futuro colapso da humanidade baixo a consideración de que existen miles de millóns de planetas no universo e, dentro deles, varios millóns contarían coas condicións necesarias para que existise vida; mesmo con civilizacións máis intelixentes que a nosa, cousa ben fácil de acadar. Abofé. Asunto que é obxecto de obsesión e pescuda coa exploración espacial, con telescopios e nos observatorios, sen resultado de contacto extraterrestre algún que se xustifica no “paradoxo de Fermi” asegurando que, ante tanto mundo exterior con vida, as nosas observacións son defectuosas ou incompletas. Conclusión de mediado século pasado que se continúa na “teoría do gran filtro” que dá unha volta macabra á afirmación anterior: Existe un limiar ou unha barreira que detén ás civilizacións tecnicamente avanzadas que non lles permite ter éxito en colonizar o universo. Tráxico.
 

Agora, a NASA advirte que “un desastre existencial pode afectar na medida que a nosa sociedade avanza a gran ritmo cara á exploración espacial, actuando do gran filtro: un fenómeno que acaba coas civilizacións antes de que poidan atoparse, o que pode explicar este silencio cósmico”. 
 

Daquela, non podemos agardar salvación para humanidade terrestre na intelixencia doutras civilizacións alén da Vía Láctea, o futuro depende de nós mesmos. E niso, imos aviados. A emerxencia derivada da crise climática, as pandemias e as guerras lévanos directamente á vía da extinción, evitando que o ser humano poida algún día atopar vida no universo. Toca virar rumbo.

Silencio cósmico

Te puede interesar