Na sociedade occidental actual, tanto en Galiza como na nosa contorna continental e atlántica, vivimos inmersos en ritmos acelerados, preocupacións constantes, desigualdades crecente e unha precariedade laboral cada vez máis común. Neste contexto, xorde unha tendencia que invita á reflexión: a sinxeleza emocional. Este concepto, aínda que relacionado coa sobriedade material que promove a redución de posesións, céntrase en simplificar e xestionar de maneira máis consciente as nosas emocións e relacións, buscando unha vida emocional máis equilibrada e menos axitada. E, tirando proveito diso, ese negocio de relaxación chamado “mindfulness” porque a río revolto…
A modernidade trouxo consigo un ritmo de vida que esixe rapidez e eficiencia en todos os aspectos, desde o traballo ata a vida persoal. Esta velocidade perpetua xera un estado constante de estrés e ansiedade, exacerbado pola omnipresencia da tecnoloxía e a cultura da conectividade sen tregua. As redes sociais, os correos electrónicos e as notificacións instantáneas mantéñennos nun estado de alerta permanente, impedindo desconectar e atopar momentos de tranquilidade e reflexión para conciliar as vidas persoais, incluída a familiar, coa actividade derivada do traballo profesional.
A desigualdade económica e a precariedade laboral tamén son vitais na saúde emocional das persoas. A inseguridade no emprego, os baixos salarios e a falta de oportunidades para avanzar crean unha contorna de incerteza e preocupación constante. Este contexto provoca un impacto negativo na saúde mental, con niveis elevados de estrés, depresión e outros trastornos emocionais.
A filosofía coa que nos enfrontamos á vida foi cambiando ao longo do tempo porque non é aceptable asumir que “ao mundo viñemos a sufrir”. Esta esencia do pesimismo aínda está moi arraigada na nosa sociedade e perdura teimosa no tempo. A vida pode e debe ser unha experiencia agradable que merece ser vivida e gozada, con moitos máis momentos de satisfacción que de sufrimento. Con todo, afixémonos ao padecemento, a miúdo sen saber exactamente que é o que nos aflixe.
É tempo de vacacións para unha boa parte da xente, malia que implique traballo arreo para outra que debe facilitar o lecer dos primeiros. Boa ocasión para pór en práctica a sinxeleza emocional.
Velaquí unha proposta de prácticas e principios destinados a contrarrestar estes efectos negativos que non precisan de custes terapéuticos: Simplificar as relacións para enfocarse naquelas que achegan valor e apoio á persoa. Xestionar o tempo de maneira consciente, incrementando actividades e relacións que promovan o benestar. Practicar a atención plena e a reflexión para mellorar a conciencia e reducir o estrés, e limitar a exposición a medios e redes sociais negativas. Na nosa man está o remedio ao sufrimento, non é preciso ir a terapia, porque o mellor tratamento está á nosa beira: natureza, descanso, lecer e boa compañía. A receita galega da felicidade plena.