No ámbito galego, o crecemento do turismo ten moitas oportunidades, pero tamén presenta retos significativos que deben ser abordados sen desleixo. Só mediante unha planificación consciente e unha xestión sostible será posible garantir que o turismo siga sendo unha fonte de riqueza sen poñer en risco o patrimonio natural e cultural do noso país.
Co aumento do número de visitantes, impulsado en gran parte pola popularidade crecente do Camiño de Santiago, evidénciase un fenómeno que inicialmente parecía unha oportunidade para o desenvolvemento económico e a promoción cultural, pero que tamén trae preocupacións e desafíos no ámbito ambiental e social.
O turismo masivo, aínda que proporciona beneficios económicos inmediatos, pode ter consecuencias negativas a longo prazo, tanto para as cidades, como é evidente en Compostela, como para o medio natural e as localidades, se non se xestiona de xeito adecuado.
Aquí e acolá, na península e máis alá das súas fronteiras, voces expertas e a cidadanía claman polo remate da pasividade ante os efectos adversos da masificación descontrolada, que trae consigo un aumento na demanda de aloxamentos turísticos, especialmente pola expansión das vivendas de uso turístico. Isto provoca unha subida dos prezos do alugueiro, desprazando a poboación residente e dificultando o acceso a vivendas para a poboación traballadora local, debilitando así o tecido social.
No caso galego, engádense os desafíos das rutas do Camiño, que atravesan espazos de gran valor ecolóxico e patrimonial, moitas veces saturados de peregrinos durante boa parte do ano. Isto provoca un deterioro das sendas, erosión do solo e unha maior xeración de residuos que, con frecuencia, non se xestionan de maneira adecuada. Ademais, o incremento de visitantes nas zonas costeiras durante o verán exerce presión sobre os ecosistemas mariños e costeiros, cun impacto significativo na biodiversidade e na calidade das augas. Agora é tempo de ir orientando o seu futuro.
Para mitigar estes efectos e garantir que o turismo sexa unha fonte de riqueza sostible a longo prazo, é necesario implementar prácticas e políticas que equilibren os beneficios económicos co respecto polo medio ambiente e o benestar das comunidades locais.
Débese promover un modelo de turismo responsable, que dea prioridade a calidade sobre a cantidade. A regulación dos aloxamentos turísticos é esencial para evitar a especulación inmobiliaria e asegurar que a poboación local non se vexa desprazada. Isto inclúe establecer límites ás licenzas e fomentar a rehabilitación de vivendas en desuso antes de permitir novas construcións.
A educación e sensibilización tanto de turistas como de residentes sobre a importancia da sostibilidade son claves para garantir que o noso país continúe a ser un destino atractivo sen comprometer o seu futuro.