como saben, en Galicia temos sete cidades. E, ademais, somos 313 concellos. Hai onde elixir. E dada a tradicional dispersión e os moitos espazos verdes, dispoñemos dunha riqueza de topómimos e micro-toponimia inmenso, practicamente inabarcable a non ser que sexas un émulo de Domingo Fontán, aquel xeógrafo do século XIX que percorreu a pé todo o país para completar un mapa alucinante e moi exacto, un prodixio que poden observar, por exemplo, no Castelo de San Antón, ese fascinante museo da Coruña.
Celébrase estes días en Madrid a Feria Internacional de Turismo, Fitur, a principal cita anual do sector, de dimensión internacional. Turismo de Galicia, ou sexa a Xunta, tivo stand propio, con arredor de 50 actos. Como é normal, enviou unha nota aos medios sobre a súa actividade alí, que tamén se pode ler na web. Un texto de pouco máis de 600 palabras, como un parágrafo máis que este artigo. Boa extensión. Ben escrito. A palabra Galicia aparece seis veces. Correcto. Pero, pero, se buscas outro tóponimo dos milleiros que temos, se buscas o nome dun concello ou dunha cidade, das múltiples opcións que existen, pois resulta que só sae un, si, non se trabucan se están pensando en cal. En efecto, é ese. Santiago.
Podería ser unha anécdota, pero non o é. Para nada. Probemos con outra cousa. Vou á portada da web. Unha enorme palabra, “Camiño”, preside unha imaxe de viñedos da Ribeira Sacra. Por suposto, o tal camiño xa saben que apelido leva. Pero, en fin, deixémolo pasar, seguro que no resto da apertura da web saen máis cousas. Baixo ata o final e… resulta que, de novo, a única cidade que aparece citada das sete que temos, e o único concello dos 313, xa saben cal é. En efecto e por duplicado, Santiago de Compostela. Algo indica.
Fago outro intento. Busco nas imaxes, de forma fixa, por se van cambiando. Aí quedo, como un parvo, mirando fixamente durante un bo anaco. Se non estivera só, chamarían a unha ambulancia. Procuro arriba e abaixo. E tiro outra conclusión. Das sete cidades, o organismo que debe atraer turistas a toda Galicia considera que só debe amosar unha urbe, ata tres veces. Cal? Obviamente, Compostela. Seica o resto deben ser moles de cemento, sen vida nin atrativo ningún. Quen querería visitar tales cousas? Semella que é iso o que nos quere dicir a Xunta que preside Alfonso Rueda.
Que en Lugo e na Coruña temos dous Patrimonios da Humanidade como a Muralla e a Torre? Nada, Santiago. Que poucos momentos de solaz hai no mundo como a contemplación das Illas Cíes desde Vigo? Nada, Santiago. Os arsenais de Ferrol? Nada, Santiago. E así todo. Porque Compostela é Galicia e o resto, xa saben, localismos, o peor.
E así temos o que temos. Un país reducido baixo un marco conservador, desconfiado das súas cidades, agás unha. Imaxinen que pasa o mesmo pero con Madrid. Centralismo, verdade? Pois este tamén o é. Hai que dicilo máis. E pórlle fin.