Nin caso aos totalitarios, o xornalismo é unha marabilla. A min permitiume vivir experiencias que non estaban adxudicadas a un tipo coma eu, que sae de onde sae e é como é, a moita honra. Entre elas, teño gravada unha de hai décadas, cando tratei cunha lenda da miña cidade e do Dépor, que vén de cumprir un século.
Esta semana fixéronse 100 anos do nacemento de Juan ‘Xanetas’ Acuña, o primeiro gran mito branquiazul, o meirande exemplo dunha forma de ser coruñesa que nunca perderá vixencia, porque é a que nos define. Durante 17 anos foi o porteiro do Dépor, o mellor da historia. Os que xa temos unha idade e decidimos de nenos ser deportivistas –algo que non se estilaba naqueles moi primeiros anos 1980– lembramos perfectamente o que significaba a súa figura, o que nos contaban del os maiores. Por explicalo, dos grandes Luis Suárez e Amancio presumíase que eran “de aquí”. Só con Acuña usábase como refencia absoluta “o Deportivo”. El era o símbolo, de quen che falaban para relatar que en 1950 case gañamos a Liga. Como? Que case gañamos a Liga? Naquela época non había youtube, e se non fóra pola confianza que tiñas en quen o dicía, sería imposible crer que aquel mesmo club que se arrastraba por un Riazor en obras -pero ao que querías ir si ou si cada quince días- fora un grande, grandísimo. Volveu selo. Éo.
Sería 1996 ou así cando coñecín a Xanetas. Entrevistámolo en Radio Coruña, no programa que tiña o artista Xurxo Souto, cantor máximo dos nosos fitos populares. Acuña falounos de fútbol pero sobre todo de cidade e identidade, a nosa, nun galego coruñés que emitía gloria. Acudiu á emisora acompañado dunha rapaza –non lembro se neta ou sobriña, disculpen– que estudaba Periodismo e miraba todo aquilo con esa cara ilusionada que xustifica a vocación, pero sobre todo adora a súa familia.
O caso é que un par de meses despois desa conversa, coincidín con Xanetas nas oficinas da Caixa (só había unha). Son tímido, e ademais imaxinaba que un emblema así non se ía acordar de min, un total Don Ninguén. Todo o contrario. Achegouse, preguntoume se eu era quen el lembraba que era. Si. O mundo ao revés. E charlamos un anaco, da radio, do que lle gustou a entrevista, de como era no seu tempo o da prensa, e tamén faloume moi ben da Refinería –onde traballou tras deixar o fútbol– porque estaba naquela ringleira para cobrar a pensión. Un obreiro xubilado máis. O mito era, ante todo, humilde, un dos nosos.
Chamáronlle “Xanetas”, palabra propia deste noroeste atlántico, que significa persoa con carácter, brava. Demostrouno mil veces, non se achantou nin ante algún pequeno tirano de 1950. Faleceu en 2001. Ten monumento en Riazor. Naceu hai xusto un século. Acuña foi o inmenso portador dunha Coruña capital de Galicia que non se pode perder; a da súa mocidade no indomable barrio das Atochas, a do futbolista excepcional, a do traballador orgulloso e entregado á cidade. O Máis Grande. Pola fidelidade ao Dépor. Polo amor á Coruña. Por Xanetas.