Xosé Cobas ilustra a Xabier Docampo

A Fundación Alexandre Bóveda que preside con altruista eficacia, María Xosé Bravo é, sen dúbida, unha das institucións coruñesas máis comprometida coa difusión da nosa cultura e culmina a traxectoria do actual curso coa mostra de pinturas feitas por Xosé Cobas para ilustrar “O pintor cego” de Xavier Docampo ( Kalandraka Editora, 2020), libro que o seu autor, desditadamente falecido hai 5 anos, non chegou a ver publicado. A mostra é, polo tanto, merecida homenaxe para lembrar a quen foi un dos nosos grandes escritores, cuxa estreita colaboración con Cobas dende o ano 1989 diu á luz máis de vinte libros nos que relato literario i expresión plástica acadan  un alto grao de fusión. Xosé Cobas( Logrosa, Negreira, 1973) é un extraordinario creador, do que dan fe os numerosos libros que ten ilustrado, os non menos numerosos carteis, os 27anos como ilustrador da Deputación coruñesa e os moitos premios cos que conta. As doce obras expostas atestiguan do seu virtuosismo como debuxante, da súa mestría para modular as harmonías da cor e da súa fértil imaxinación capaz de crear potentes  metáforas plásticas maravillosamente acordadas as ideas do libro, pero que tamén poden ser lidas como obras en si mesmas. “ O pintor cego” é unha alegoría para falar da dificultade de apreixar a beleza e de retratar a alma, o que esixe ver, non cos ollos da carne, senon cos do espíritu; Cobas consigue traducir  esta idea a imaxe de xeito fantástico  representando ao pintor fronte do lenzo co rostro envolto nun  pano que se alonga  coma unha á interminable cara os infidos do ceo azul. Pasa o pintor varios días contemplando a raíña sen poder dar unha pincelada, porque, segundo lle di ao rei, só poderá facer o retrato cando sexa capaz de facer súa tanta beleza. Entón o rei sinte ciumes e manda  encerralo nunha cela que Cobas traduce a un espazo cheo de mestas sombras onde se adiviñan ratas e morcegos. Xa enfermo e cego é enviado ao desterro. E un día, mentras durme no chan abeirado dunha inmensa chaira dourada en cuxo alto ceo abálase entre nubes un marco baleiro, escoita unha voz que o insta a retormar o retrato; mais ¿cómo facelo si está cego?.Entón descobre que pode ver sinestésicamente escoitando a música do ar. Cobas consigue reflectir toda esta poética da misteriosa inspiración chea de suxerencias surreais a obras de etéreas e difuminadas auras, con espazos que se abren cara o infindo, entre atmosferas  envolventes i esvaintes de tonalidades difusas e neboentas que evocan aléns de fábula e abren as comportas do prodixioso; por aí viaxan móviles ondas entre desdebuxadas luminiscencias, andan arreo os vaivéns da envolvente luz que configura lixeiras aparicións. levita unha enorme  buguina sobre un bretemoso mar, ondean polas alturas os cabelos da amada e configúrase o seu lixeiro corpo como un remuíño danzante e lévedo no vaporoso  azul. E a raíña, deusa e musa inspiradora, volve para levalo consigo as terras do alén mar: terras dos grandes creadores, como Docampo e Cobas.

Xosé Cobas ilustra a Xabier Docampo

Te puede interesar