A Xunta puxo a disposición dos familiares das tres persoas falecidas onte á noite na explosión da pirotecnia de Leiro (Ourense) aos profesionais do grupo de intervención psicolóxica en emerxencias e catástrofes (GIPCE) co que colabora habitualmente o 112, informou este servizo.
Os profesionais acompañaron ás familias das vítimas ata altas horas da madrugada e permanecen en alerta por se fosen necesarios os seus servizos nos vindeiros días.
Logo de recibir unha chamada cinco minutos antes das oito, o 112 activou un operativo, que congregou en Leiro aos grupos de emerxencias supramunicipais (GES) de Avión e Ribadavia e ao servizo municipal de Emerxencias do Carballiño.
En total, contaban con catro vehículos de primeira intervención e tres motobombas, dúas delas procedentes do distrito forestal de zona e unha da mancomunidade.
Tamén chegaron ao lugar os servizos sanitarios de urxencia, con dúas ambulancias, e o helicóptero medicalizado con base en Ourense e as forzas da orde, incluídos os Tedax da Guardia Civil e membros da Delegación do Goberno en Galicia.
Os servizos de emerxencia desprazados á pirotecnia de Leiro confirmaron que a explosión destruíu por completo varias instalacións.
A deflagración alcanzou así mesmo un vehículo que estaba aparcado. O lume quedou apagado de inmediato. EFE