Dores Tembrás é exemplo de paixón polas palabras e do bo facer literario. Ademais, coa súa editorial Apiario, xunto con Antía Otero, está a obter grandes recoñecementos. Unha boa mestura de esforzo, equipo e paixón polo traballo ben feito.
Onde nace o amor polas letras?
Penso que nace na infancia, meus pais líanme moito e eu sempre detectei un respecto moi profundo pola palabra oral e escrita.
A súa poesía é resultado dun traballo moi coidado. Cal é a súa forma de traballar?
Case sempre nace dunha obsesión. Son as obsesións as que vertebran os meus traballos. No caso de “O pouso do fume” era cristalizar unha memoria que a min me parecía que se estaba extinguindo; en “Cronoloxía da urxencia”, interesábame o desexo como concepto; e, en “Auga a través”, os límites da esperanza.
Alejandra Pizarnik, figura na que afondou durante anos, orientou, máis que outros referentes, o seu traballo literario?
Non me atrevería a dicir que, ela está por riba doutros escritores. O que si, ela foi a primeira en amosarme un compromiso sen igual coa palabra e o poema. Iso marcoume dun xeito definitivo, a súa relación coa linguaxe e co silencio. Dende o punto de vista da metodoloxía, da entrega, ela foi capital da miña formación.
A súa palabra quere deixar atrás o ruido, pensa que hai moito na sociedade?
Cando estamos dentro do poema, ser capaces de producir un silencio, que case é como unha suspensión, do espazo e do tempo, paréceme abraiante. Nese sentido, non é tanto o ruido que hai fora, que iso é evidente no momento histórico que vivimos, senón o que acontece dentro do poema.
Tras levar varios libros escritos, pensa que hai un eixo vertebrador? Podería ser a terra, as mulleres e a infancia?
Falaría tamén de memoria. Creo que son motivos que sempre van atravesar a obra e que constitúen unha parte importante da arte poética. Creo que un proxecto adoita nacer do anterior, hai unha semente que xa estaba, polo menos iso acontece na miña obra. O que máis me importa é o recoñecemento da voz, dando igual o poemario ao que pertenza.
O seguinte poemario?
Esa é a pregunta do millón. Hai tempo xa que traballo nun proxecto, pero descoñezo cando sairá á luz. Eu son de produción moi lenta e, ademais, agora está Apiario, entón os tempos son diferentes. Unha nunca deixa de ter obsesións e de escribir sobre elas.
Como da o paso, xunto a Antía Otero, de crear Apiario?
Sempre digo que de forma moi natural. Antía, mais eu, viñemos coincidindo en proxectos de carácter formativo e ambas detectamos que había un modo de ver que nos unía, ademais de entender o libro como autoras. Non falo tanto do proceso, refírome a decisión de dar o primeiro paso.
Que aprendizaxe e conclusión extrae das formacións?
A conclusión é que sabiamos cara onde queriamos ir, ainda que non sabiamos exactamente que pasaría. Se traballas moi duro as cousas suceden. Se te entregas á edición, vas ter un público lector que te siga e que entenda a túa proposta.
Apiario tamén é editorial. Que teñen en común os autores?
Que fan alta literatura e teñen unha proposta xenuina, isto é o que os une. Creo que todo o noso catálogo está composto de xente que ten un altísimo grao de compromiso coa palabra.
A poesía galega, na actualidade, pensa que está nun bo momento?
Creo que a poesía galega leva varias décadas vivindo un momento dourado. Hai xente con propostas moi interesantes e con moita calidade..Sempre xurden novas voces Creo que a poesía vive un bo momento, falando a nivel de produción.