foise voando tranquilamente e avergonzando á metade da poboación do seu país. Onde estará e, se é o caso, cando virá? A onde iría parar e quen o acompañaría? Probablemente fose só, igual que morreu o outro día un “sen teito”, nunha céntrica rúa da capital. Pobre home! Tiña de todo e a ambición sen medida obrigouno a fuxir caladamente, sen explicación, sen despedida e, seguramente, sen ganas de volver, sen interese polos novos tempos, eses que preparan os dispostos a amañalo todo, os políticos comunistas, os socialistas, os neoliberais e os do centro, do centro esquerda e do centro dereita, os de esquerdas e os de dereitas, sen explicación, sen presa e sen demora.
Os partidarios da monarquía e os contrarios teñen prohibido bicarse, igual que tódolos republicanos, tanto que sexan vellos como que sexan mozos, aínda que sexan noivos ou familiares achegados. E, os negociantes seguen co seu negocio e, cada vez máis, apertan a conciencia firme dos adversarios, sempre en nome da liberdade plena. Da súa, naturalmente.
A liberdade dos que máis a necesitan, de tódolos que constitúen as clases populares, está no porvir. É a liberdade daquelas persoas que pasaron a vida sen poder falar por teléfono e agora non son quen de estar sen el.
Meu Deus! A onde iría parar ese home rico que tanto mandaba, que tanto loaban e que tanto aprecio perdeu e tanta estima lle retiraron os seus. Silencio global, total e absoluto. Accións e actuacións opacas promovidas e consentidas por aqueles que fomentan ao silencio como ferramenta, por eses que mandan calar, conscientes de que un pobo calado é aínda máis débil e máis triste.
Efectivamente, con eses pobos de xentes necesitadas é cos que se identifica plenamente o sentir da Tía Manuela. Noraboa para tódolos lectores por chegar ata aquí e por seguir entendendo a liberdade como un ben e un mérito. Eles que fagan o que queiran, pero que non esquezan que, como dicía Voltaire, “o home é libre no momento en que desexa selo” e o mundo é grande, tan grande como a terra toda, que segue sendo un planeta redondo.
Sábeno, a bo seguro, pero non din onde está. Por que? Presumen de transparencia e calan, falan do irrelevante, ocultan e miran de esguello, ao través. Parece que falan por falar, como se o obxectivo fose xerar ruído e ocultar a inconsistencia e a falacia dos discursos, sen prestar consideración á paisanía que, aparentemente, escoita.