Das inclemencias

Comezamos unha Semana Santa de recollemento, que non sei se unicamente ou tamén relixioso, pero seguro que o peche perimetral que aplican as Comunidades, fará que sexan unhas vacacións diferentes, de menor dispersión e de menos alcance. Quizás empece a imporse unha certa sensación de cansazo entre os máis novos. Os centros educativos son dos escasos espazos de socialización que ten a xuventude para sentirse medianamente libres. Lembremos que todas as actividades que axudaban a facelos sentir ben e parte activa de colectivos, clubs deportivos, viaxes de programas de intercambio etc, non son posibles nestas circunstancias, o que dalgún xeito afoga e incendia as súas vontades e limita o desafogo das súas poderosas enerxías. Son tempos difíciles para todxs. Toni Cantó, defensor da multi-ideoloxía, sen ir máis lonxe, queimou demasiado pronto as naves de Cidadáns e agora os Populares fan manobras orquestrais na escuridade para ver se lle segan a herba baixo os pes, e o apean dunha lista na que xa se sentía seguro. Está que non lle chega a camisa ao pescozo ante a perspectiva do regreso ao mundo do común dos mortais. Mentres, declararon antes os xuíces polas denuncias de Bárcenas, Aznar, Rajoy, Rato, Cospedal, Arenas, Cascos e un longo acervo de autoridades máis. Todxs deberon preparar este exame na mesma academia porque manexaron os mesmos manuais de negalo todo e os mesmos recursos de insulto e menosprezo ao denunciante. Nunha palabra, todxs se enteraron desta trama pola prensa. As farmacéuticas e os xogos de sacar maiores beneficios vendendo ao mellor postor, agochando partidas e incumprindo os acordos asinados, axudan a expandir esa sensación de friaxe que agora, xa case Abril, segue encolléndonos o ánimo.


Lembrarte é un universo de sentidos –dixo El– a voz inesperada, o aroma que activa e a luz que acende os dias. Despois chega o silencio... Sen ti, habitaría sempre nos tempos de invernía...

Das inclemencias

Te puede interesar