Xosé Antonio Touriñán: “Esta peli é sanadora como unha dose da vacina”

Xosé Antonio Touriñán: “Esta peli é sanadora como unha dose da vacina”
Xosé Antonio Touriñán, na preestrea da película en Cantones Cines | patricia g. fraga

Xosé Antonio Touriñán non para de traballar e está a vivir días intensos coa estrea da película “Cuñados” –desde onte nos cines– e do programa “Rutas bizarras” –La 2, martes 22.00 horas–.


Rodar “Cuñados” tivo que ser moi bonito, ao estar recén saídos de algo tan forte e inesquecible como o confinamento.

Todos tiñamos moitísimas ganas e na peli nótase, case parece que somos familia de verdade e diso vai este oficio, de que pareza real. Fíxose fácil non só polos actores, que son referentes para min, senón tamén co equipo técnico e artístico, a pesar de que por estar en pandemia había que facerse probas cada pouco, quedar confinado na habitación ata que deran resultados o cambiar os plans cada día.


Con pouco orzamento cumpre o obxectivo de facer rir, co importante que é neste momento.

É unha peli pequeniña rodada en catro semanas moi xustas, pero parece que foi rodada con moita máis pasta da que tivo. É magnífica para este momento, para volver ao cine e recuperar as actividades que nos facían felices: ir ao cine, ao teatro, a un concerto. Durante unha hora e media vaite manter cun sorriso. É unha peli sanadora, como unha primeira dose da vacina contra isto.


Que ten Touri de Sabonis?

Pois eu tamén me considero un bo tipo. Sabonis ten un corazón enorme, o seu problema é que non xestiona ben e decide sempre mal. Eu creo que teño algo máis de cabeza (risas).


Como foi traballar coa súa filla Antía, que no filme tamén é a súa filla Antía?

Tomouno moi en serio, a min no principio deume vertixe metela xa neste mundo tan pequena, pero ela estivo super serena. Xa sabía o guion un mes antes de empezar e dicíame “papá, ti cando te vas poñer con isto?”. A experiencia foi xenial, a outra nena (Moraima) é a afillada de Miguel de Lira. Non sei por onde quererá tirar ela, só quero que busque unha cousa que a encha.


Contaba que se estreara o programa “Rutas bizarras” a mesma semana que a película?

Non, ás veces pasa isto neste oficio, estou estreando nunha semana o traballo de seis ou sete meses de 2020. Estou moi feliz, non podo queixarme de nada.


“Cuñados”, o programa novo, “Fariña” no teatro, os directos con Perdomo no confinamento... O home do momento, está en todas.

Bueno, estou nas que podo e quero pensar que estou porque non paro. Se non sae unha cousa, busco outro camiño. Eu nunca fun de quedar parado. O de Perdomo encheume de vida, foi das mellores cousas que fixen no meu oficio.

Xosé Antonio Touriñán: “Esta peli é sanadora como unha dose da vacina”

Te puede interesar