As xentes da cultura renden tributo a Manuel Lourenzo desde o escenario

As xentes da cultura renden tributo a Manuel Lourenzo desde o escenario
Polo escenario do teatro Rosalía pasaron numerosos nomes da dramaturxia galega | Quintana

Homenaxe da Federación Galiza Cultura a un dos artistas máis destacados da escena do país no teatro Rosalía de Castro. “A vida nunha cesta: un agasallo a Manuel Lourenzo” mesturou comedia, canto tradicional, teatro, música, contacontos, ópera, cultura popular e moitas lembranzas agarimosas, todo baixo a dirección artística de Quico Cadaval.


Todo, marcado polas medidas de seguridade establecidas polas autoridades sanitarias para evitar que sigan os contaxios de coronavirus, polo que para acceder á sala, a organización esixiu tanto o uso de máscara como o certificado covid-19.


Desde a música acústica de Mónica de Nut e Virxilio da Silva, pasando polo humor sempre vivo e retranqueiro de Mofa e Befa, as harmonías recitadas de Bernardo Martínez e Fito Ares, que interviron co nome Grus Grus, ou a lingua rápida do propio Cadaval, a danza da Compañía de Ana Beatriz Pérez e Armando Martén, a posta en escena da actriz Luisa Merelas e as palabras certas de Cristina Domínguez e Xesús Pisón, a homenaxe conseguiu unir distintos espectáculos e actuacións para converterse nun agasallo aberto a todas as persoas amantes do teatro galego e amantes de Manuel Lourenzo.


Con todo iso, as asociacións culturais volveron lembrar a figura indispensable na historia dramática galega contemporánea do autor, que como actor e director interveu en máis de dous centos de espectáculos, participando, no audiovisual, en máis de trinta filmes e series de televisión, sendo autor de preto de trescentas pezas e traduciu e adaptou ao galego a clásicos como Sófocles, Eurípides, Shakespeare e Goethe, así como escritores contemporáneos de Francia ou da Alemaña.


Formación

Non hai que esquecer que Lourenzo tamén fundou e dirixiu a Escola Dramática Galega, que tanto axudou á formación de actores e a normalizar o uso do idioma galego na arte dramática, e de aí a asistencia á homenaxe no Rosalía. Porque tamén fundou e dirixiu compañías teatrais tan senlleiras como O Facho, Teatro Circo, Escola Dramática Galega, Compañía Luís Seoane, Elsinor Teatro ou Casahamlet.


Ademáis, Lourenzo acumula, entre outras distincións, o Premio Nacional de Literatura Dramática a nivel estatal; o Artur Carbonell no XVI Festival Internacional de Teatre de Sitges; en catro ocasións, o Premio Abrente de Ribadavia (1978, 1984, 2001 e 2010), en dúas o Premio de Teatro Rafael Dieste (1996 e 1999) e, tamén, entre outros, o Pedrón de Ouro (2001), o premio Celanova ou o da Casa dos Poetas.

As xentes da cultura renden tributo a Manuel Lourenzo desde o escenario

Te puede interesar