Mañá celébrase en Estudos Mans o primeiro Encontro de Música Aberta (EMA), organizado pola Fundación Paideia e a Xunta de Galicia, unha xornada centrada na formación, o debate e o networking, coa participación de Soleado ou Abraham Cupeiro e que tamén contará coa emisión en directo do programa de RNE ‘Hoy empieza todo’.
O músico sarriano Abraham Cupeiro ofrecerá unha masterclass que, segundo explica, “ten un pouquiño do que eu fago, investigación”, pero centrado nun dos seus espectáculos, ‘Resoando no pasado’, “onde viaxamos pola historia da humanidade a través dos instrumentos de vento”. A masterclass terá un punto de práctica en canto a construción de instrumentos, “incluso poderán levar un para a casa”, indica. Neste show no que se basea a súa actividade de hoxe, utiliza máis de 30 instrumentos, “que son pequenas escusas para visitar diferentes épocas do noso pasado”.
Iniciativas como este primeiro EMA, apunta Cupeiro, son algo natural, “que xa se facía no pasado”. “Hai moitos séculos, os compositores moitas veces incluso falaban co público. Todo o que sexa afastarnos da idea do músico profesional tal cual e poidamos abrir máis as portas da nosa casa, do noso traballo, a xente doutros eidos, a música disfrútase dun xeito máis poliédrico, é unha boa idea”.
Cupeiro ten moitos proxectos entre mans. Un dos máis recentes é a estrea, a próxima semana, da esperada ‘Gladiator II’, na que o músico sarriano puxo o seu gran de area no apartado musical.
Él tómao con humildade e sinxeleza. “Ao final, todo o traballo está na rede, eles rebuscan, atópante e son capaces de vir ata aquí para gravar todo este traballo que veño realizando dende hai tempo”, apunta.
Él ten claro que “os instrumentos fan o seu, pero non son meus, nalgún momento os seres humanos os tocaron”, subliña e asegura que “creo que cando fas unha película histórica, estes instrumentos entran xenial, non só pola súa estética, senón pola súa sonoridade”. “Entón, non me sorprendeu, pero sí me enche de ledicia que me chamen, pero, realmente, é algo moi natural”, afirma sobre unha situación que non lle é allea, “non é a primeira vez que facemos algo así”. “Aínda que non deixa de ser unha das películas con más repercusión das últimas décadas”, asegura.
Este pasado outubro viaxou ao Reino Unido, onde tocou coa Orquestra Nacional de Escocia e a London Symphony, “que está no top-3 de orquestras do mundo”. “Foi unha experiencia que para a xente que nos adicamos á música desde cativos, nin tan siquiera soñaches de pequeno, foi unha experiencia moi fermosa”, explica mentre todavía “degusto todo isto”.
Este ano publicou ‘Mythos’, un traballo que acompaña ao seu novo espectáculo. “Estou superagradecido á xente, fomos a catro cidades e os auditorios estaban cheos, foi un orgullo”.
En xaneiro estrenará, o día 4, un novo show, ‘Unha noite de inverno’, “na igrexa monasterial de Meira, un espacio incrible” que espera que descubra máis xente.