Bibiana Candia | “Azucre é unha ficción que conta unha verdade”

Bibiana Candia | “Azucre é unha ficción que conta unha verdade”
Presentación de ‘Azucre’ onte no Kiosko Alfonso | Pedro Puig

O Kiosko Alfonso acolleu onte a presentación da edición ilustrada e en galego de ‘Azucre’, da man de Kalandraka. Falamos coa súa autora, Bibiana Candia.

 

‘Azucre’ é unha historia baseada en feitos reais?
Exacto, ‘Azucre’ é unha ficción pero que está escrita para contar a verdade duns galegos que no ano 1854 foron a Cuba nunha empresa que foi promovida por un deputado galego que se chamaba Urbano Feijóo de Sotomayor, e que os levou teóricamente a traballar na cana de azucre pero cando chegaron alí se encontraron que foron sustituir aos escravos nas mesmas condicións que os escravos. Este caso que foi tan escandaloso non está oculto pero non é coñecido, a min chamoume a atención cómo unha historia tan tremenda non nos tiña chegado por memoria popular, e por iso decidín escribir ‘Azucre’.

 

Entón ten un grande protagonismo a emigración galega...
Claro, por suposto. Isto comeza no que se chamou no século XIX ‘Os anos da fame’. En realidade esta empresa promoveuse como un modo de axudar aos galegos a gañar a vida, o que pasa que despois foi fraudulenta, foi terrorífico polas consecuencias que tivo. Durante moito tempo da historia da nosa emigración sempre se contaba a cara máis amable, pero a historia dos que o pasaron mal, era unha vergoña voltar á aldea e contar que non conseguiches gañar a vida, iso o vemos en toda a nosa literatura, Castelao o contou, Neira Vilas, Dieste, etc.

 

Como foi a recopilación da información?
Souben desta historia por unha amiga que me falou dela e pasoume dous fíos documentais dos que tirar: o primeiro un documental que estaba en RTVE que se chama ‘Gallegos por esclavos’, e por outro lado un portal en Internet que se chama xenealoxia.org, onde están publicadas as listas dos pasaxeiros dos barcos que foron nesta exposición. Comecei a investigar co ordenador e en poucos días tiña moita información, non soamente que confirmaba estes feitos senón de que afectara a 1744 familias. Eu non podía comprender que nunha sociedade onde temos unha tradición de literatura oral tan grande e un orgullo da emigración enorme, cómo esta historia non pasou á memoria popular.

 

Presentan unha edición moi coidada, con ilustracións de Xosé Cobas e traducida ao galego...
Sí, desde o principio o meu soño era que esta novela saíse nos dous idiomas ao mesmo tempo. A parte boa de todo isto é que Kalandraka fixouse na novela e o seu proxecto para editar ‘Azucre’ en galego foi maravilloso, pola colaboración con Xosé Cobas que é un artista magnífico e encontrou exactamente a atmósfera visual onde se desenvolven as personaxes e despois tamén pola labor de Xurxo Chapela que traballou no texto para que quedase absolutamente perfecto.

 

En que momento cre que se atopa a literatura galega?
Temos un montón de voces novas que están publicando tanto en castelán como en galego. Penso que cada vez a literatura dos galegos está sendo máis apreciada. Unha das cuestións que máis ilusión me fai co feito de seguir a estela dos autores galegos é que ‘Azucre’ vai ser traducido ao francés e o tradutor é o mesmo que traduciu a Cunqueiro e a Torrente Ballester, cando chegas a este punto e xa non puideches por idade coñecer a certos autores que liches, é unha honra que dalgunha maneira a súa memoria poida unirse coa túa. 

Bibiana Candia | “Azucre é unha ficción que conta unha verdade”

Te puede interesar