O BNG da Coruña presenta a súa campaña de apoio ao comercio local

"Mellor local, mellor galego" pretende invitar os veciños a que miren cara os comerciantes de proximidade
O BNG da Coruña presenta a súa campaña de apoio ao comercio local
Presentación da campaña a prol do comercio local

O BNG elixiu A Gaiteira para presentar na Coruña a campaña de apoio ao comercio local e de proximidade “Mellor Local, Mellor Galego”.


En declaracións realizadas aos medios no interior da firma de cosmética Lp10 -empresa que utiliza materia prima galega para os seus produtos dermofarmacéuticos personalizados-, Mercedes Queixas fixo un convite á sociedade coruñesa “a que mire cara ao comercio local, o que temos ao noso arredor, garantía total de bo trato e de calidade”.


“O comercio local axuda a xerar riqueza e emprego, mais tamén constrúe rede social e comunitaria. Fai cidade”, remarcou Queixas.


A concelleira nacionalista salientou que é a Xunta quen ostenta as “competencias exclusivas” en materia de comercio. “E o certo é que o balance destes 14 anos non pode ser máis negativo. Co PP na Xunta pecharon máis de 12 mil comercios cunha aposta inequívoca a favor das grandes superficies en detrimento dos pequenos negocios”, denunciou. “As partidas destinadas ao comercio nos orzamentos da Xunta para 2024 son inferiores ás que existían cando chegou o PP ao Goberno galego, en 2009”, certificou.


Mais isto vai mudar a partir do 18 de febreiro, o día das eleccións, segundo o Bloque: “Ese é o compromiso que temos coa maioría social que ambiciona un cambio galego”.


E, nese sentido, Queixas detallou os compromisos do BNG co sector: “Impulsaremos unha nova Lei de Comercio adaptada á realidade actual, estableceremos unha moratoria para a instalación de grandes superficies comerciais -na Coruña temos un exemplo notorio do fracaso e esgotamento dese modelo- e alentaramos a creación dunha plataforma de venda on line que permita ao comercio local competir coas grandes multinacionais”.


“Desde o BNG apostamos e confiamos nas potencialidades do pequeno e do mediano comercio. Por iso dicimos Mellor Local, Mellor Galego”, concluíu.

 

O BNG da Coruña presenta a súa campaña de apoio ao comercio local

Te puede interesar