A chuvia non foi quen de deter os festexos dos coruñeses polo Día das Letras Galegas

A chuvia non foi quen de deter os festexos dos coruñeses polo Día das Letras Galegas
Ducias de personas reuníronse en María Pita para ler poemas de Delgado Gurriarán | Javier Albores

Os galegos temos un cento de verbas para nos referir aos distintos tipos de chuvia, mais, mesmo molladas, as letras de Florencio Delgado Gurriarán resoaron nas rúas coruñesas no día de onte.

Foron moitas as propostas para festexar as Letras Galegas na cidade, mais unha das máis chamativas e seguidas, a pesares dos intentos da auga por parala, foi a lectura de poemas do homenaxeado Delgado Gurriarán ante o pazo municipal de María Pita.

A alcaldesa, Inés Rey, e máis o primeiro tenente de alcalesa, Juan Ignacio Borrego, acompañados polos concelleiros Roberto Coira (PP), Avia Veira (BNG) e Alberto Lema (Marea Atlántica), deron comezo a unha lectura que foi continuada polos veciños da Coruña e seguido por decenas de persoas, ao abeiro das arcadas do pazo.

A música tamén fixo acto de presenza durante a mañá de onte, xa que a lectura de poemas de Delgado Gurriarán estivo acompañada das cancións interpretadas polos membros de ‘Os do fondo da barra’ da asociación cultural Xacarandaina.


Decenas de personas participaron da lectura de poemas de Delgado Gurriarán ante o pazo municipal, acompañados pola música de Os do fondo da barra 



Pero a música non se cinguiu só á praza de María Pita, senón que as notas de diversas agrupacións musicais resoaron polos diversos recunchos da nosa cidade.

Así, durante a mañá de onte, a asociación cultural Maghua actuou na prada de Jaspe Deza, en San Vicente de Elviña; mentres que a agrupación folclórica Aturuxo percorreu as rúas entre os xardíns de Méndez Núñez e a praza de Vigo, ofrecendo a súa música.

Pola tarde continuou a festa coa proposta dos Gaiteiriños, que facendo honra á súa denominación actuaron na Gaiteira. Eidos percorreu as rúas do centro, entre a praza de María Pita e a de Lugo, namentres Son d’aquí facía o propio dende o campo de Marte ao da Leña. A modo de peche, Cántigas da Terra actuou a útlima hora da tarde en María Pita, ao mesmo tempo que Donaire partía da praza de Lugo cara o pazo municipal.



Variedade


Pero as propostas para o Día das Letras non foron só municipais, senón que diversas entidades decidiron nos últimos días festexar, ou honrar o día, con diversas actividades.

Foi o caso da agrupación local do PSOE, que onte realizou unha ofrenda floral nos xardíns de Méndez Núñez, ante a homenaxe a Curros Enríquez. Tamén foron partícipes doutro acto, desta volta en San Diego, onde lembraron as figuras de Elisa e Marcela, dado que o 17 de maio non só é o Día das Letras Galegas, senón que tamén é o Día Internacional contra a Homofobia, a Transfobia e a Bifobia.

Por outra banda, tamén houbo outras alternativas para a celebración, como a que plantexaron dende Studio Follow, que no seu espazo da rúa Gambrinus acolleron libros de segunda man, de Re-Read, e flores a esgalla da man de Médula.

As librerías, obviamente, tamén foron partícipes nos últimos días, ofrecendo descontos e actividades relacionadas cos libros e os seus autores. Este último foi o caso da librería Arenas, que o pasado luns organizou unha sesión de sinaturas que protagonizou Olga Patiño, que aproveitou a ocasión para vivir o día acompañada da súa familia.

Tamén durante os últimos días El Corte Inglés organizou unha sesión de micros abertos nas súas instalacións. No caso da Coruña, a actividade celebrouse o pasado luns, acendendo os micros ás 19.00 horas, tanto para autores consagrados, como para os nóveis.

Tamén o lunes tiveron lugar as dúas visitas guiadas polo cemiterio de Santo Amaro, da man de Suso Martínez, que achegou aos interesados a vertente máis literaria do camposanto coruñés.



Máis programación


Mais, a pesares de que o Día das Letras é o 17, a súa celebración prolongarase no tempo. É o caso da programación do Concello da Coruña, que ampliará até o día 31 as súas propostas. Sen ir máis lonxe, mañá propón un concerto da Banda Municipal de Música, ás orde de Juan Lois Diéguez, no teatro Colón, .

O sábado, a partires das 12.00 horas, Susana S. Aríns protagonizará un novo “Paseos pola Coruña literaria”, nesta ocasión afondando na figura de Luz Pozo Garza, percorrendo os lugares máis importantes da súa vida e obra na cidade.

O propio sábado o grupo folk Luar na Lubre ofrecerá un concerto no Ágora. A asistencia á actuación é de balde, previa recollida de convites nas bibliotecas municipais.

O peche da programación será o vindeiro día 31, cunha nova xornada de espectáculo teatral para nenas e nenos no que María Faltri e Jorge Juncal, dentro do programa “Apego”, achegaranse á rapazada con “Soñando inventei”. Será no Agora, en dúas quendas: ás 17.00 horas e ás 18.30 horas. 

A chuvia non foi quen de deter os festexos dos coruñeses polo Día das Letras Galegas

Te puede interesar