O Circo de Artesáns distingue no seu 178 aniversario ao escritor Manuel Rivas como Coruñés do Ano

O Circo de Artesáns distingue no seu 178 aniversario ao escritor Manuel Rivas como Coruñés do Ano
Inés Rey, no acto de entrega do galardón a Manuel Rivas / Concello da Coruña

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este xoves o acto de celebración do 178 aniversario do Circo de Artesáns.  “Hoxe celebramos a cerna da Coruña, a fábrica dos seus talentos e dinámicas, o lenzo que sempre se nutriu de pluralismo e liberdade”, sinalou a alcaldesa durante a súa intervención, que felicitou ao Circo de Artesáns polo seu incuestionable papel cultura e social neste 178 aniversario. Rey tamén afirmou sobre o premiado que “este recoñecemento vai moito máis alá, refírese a medio século de actividade, ou mellor dito, de activación”. “Sexa no plano cultural ou no plano social, Rivas forma parte da médula da Coruña e de Galicia, e faino dun xeito que nos traslada a esa cosmovisión atlántica, comunal e ilustrada da que lles falaba, a que nos define”, indicou a alcaldesa.

 

O acto contou coa participación da deputada provincial, Avia Veira, que puxo en valor o traballo do Circo de Artesáns “unha entidade senlleira na cultura da cidade, da provincia e do país;  a sociedade viva máis antiga de Galiza e un fervedoiro cultural polo que pasaron personalidades como Manuel Murguía, Concepción Arenal, Ortega y Gasset, Miguel de Unamuno, Castelao, Vicente Risco, Emilia Pardo Bazán, Otero Pedrayo, Sofía Casanova ... e tantas outras.” “Por iniciativa súa construíronse monumentos a persoeiros da noa cultura instalados despois en lugares públicos, e foi berce de institucións benfeitoras. Ademais, organizou numerosas actividades culturais como exposicións, representacións teatrais, proxeccións, debates....” engadiu.

 

“E o mellor de toda esta historia” sinalou a deputada, “é que ten moito futuro”, para posteriormente agradecer o seu traballo. “Nun mundo de individualismo extremo, atopar lugares onde pensar e escoitar é o importante, onde o común, o encontro e a entrega persoal está no centro, é verdadeiramente revolucionario”.

 

Para pechar a súa intervención, Avia Veira parafraseou ao premiado, Manuel Rivas. “Estamos nun tempo de emerxencia no mundo. A poesía sempre foi voz de emerxencia. Estamos nun tempo de alarma, de mayday. A poesía sempre responde a un mayday. Estamos nun tempo de incerteza, nun rumbo de horizontes enfermos. A poesía e o primeiro e o último faro”. E rematou con un “que así sexa e que a túa poesía nos alumee durante moitos anos”.

O Circo de Artesáns distingue no seu 178 aniversario ao escritor Manuel Rivas como Coruñés do Ano

Te puede interesar