O legado de María Casares, o seu “coninente” deixou a súa pegada onte no teatro Rosalía de Castro, coa estrea no recinto coruñés da obra “Continente María” que busca non só “homenaxear” á célebre intérprete herculina, tal e como explicaba a súa protagonista, Melania Cruz, senón que tamén tiña como obxectivo a posta en valor da “figura enorme, vastísima de María Casares”, tal e como apuntaba o director desta nova peza teatral, Tito Asorey.
Trátase dunha coprodución do Centro Dramático Galego (CDG), Ainé, A Quinta do Cuadrante e o Concello da Coruña. Mais, aínda que a peza é unha creación ligada ao CDG, a estrea trasladouse onte á Coruña, nun intento de ampliar a presenza do centro dramático no resto da Galicia.
É unha peza que se centra na figura de Casares e na que Cruz exerce o protagonismo sobre as táboas. Co gallo do centenario do seu nacemento “gustaríanos homenaxeala dende as táboas, ela dicía que a súa patria era o teatro e nos queremos achegar este legado dende o escenario”, comentaba Cruz sobre a nova peza.
Unha obra teatral que conta tamén coa presenza do músico Vadim Yukhnevich, baixo a dirección de Tito Asorey e traballando sobre os textos creados pola dramaturga uruguaia Marianella Morena.
O proxecto que se dispuxo onte no Rosalía, que percorrerá outros auditorios no futuro, “xurdiu hai uns anos” pola “querencia” de Asorey e Cruz en achegarse á figura de Casares. Unha figura que o propio director calificaba como “enorme, vastísima” e sobre a cal levaba tempo querendo traballar.
Así, “Continente María” buscou onte “achegar a fgura de María Casares, dende un punto de vista contemporáneo”, en palabras de Asorey, que chamaba ao público a ver a obra e “mirar nesa figura e ver como nos pode axudar, a nós, como habitantes neste 2022”. En definitiva, “queremos habitar a figura de María Casares”, concluía Asorey na súa explicación da peza teatral.
Así, “Continente María” percorre, en forma de diálogo inmersivo, o legado da actriz, así como as súas ideas e traxectoria sobre os escenarios.
A alcaldesa, Inés Rey, explicaba onte que esta é unha proposta máis para a celebración do centenario do nacemento da intérprete coruñesa.
Unha proposta máis dentro dos “esforzos para celebrar este centenario”, indicaba a titular do Goberno municipal, que lembraba o traballo das áreas de Cultura, Patrimonio e Memoria Democrática para pór sobre a mesa a importancia da figura de Casares ao longo deste 2022.
Así, a peza representada onte no Rosalía, sumouse a ideas como a exposición inaugurada a pasada semana no Kiosco Alfonso ou a presente na súa propia casa, na Casa Museo Casares Quiroga; así como as mostras itinerantes das bibliotecas municipais.