Dios Ke Te Crew | “O rap en galego está máis normalizado e cun nivel incrible”

Dios Ke Te Crew | “O rap en galego está máis normalizado e cun nivel incrible”
Dios Ke Te Crew actuarán o 18 no Playa Club | Iago Vilarinho

Vinte anos non se celebran todos os días e Dios Ke Te Crew pensan festexar por todo o alto as súas dúas décadas de vida. Os primeiros adiantos, “para abrir boca”, serán un bolo na sala Master Club de Vigo (o día 3) e no Playa Club coruñés (o 18).
 

Para ambas as citas contarán con invitados sopresa. Na cidade olívica, explica Mou que invitarán a High Paw, “como non podía ser doutro xeito”, xa que comparten tema no último EP do grupo. Tamén contarán coa presenza de Cibrán, de Boyanka Kostova, “que o levamos con nós de viaxe ao sur e co que temos un par de sorpresiñas”, indica Mou, que engade que no Playa Club estarán acompañados por Boyanka Kostova ao completo.
 

Para o concerto, prometen un directo “super enérxico”, demostrando tamén o que veñen mostrando dende a saída do último EP, o ano pasado.


Ese traballo, ‘En qué ano estamos?!’ naceu tras a reflexión pospandemia. Os últimos bolos de presentación de ‘O ciclo da serpe’ foro xusto antes de que “pechara todo” polo covid. “Estivemos debatindo sobre que era o mellor para facer e démonos de conta de que os concertos sentados non iban co noso”, comenta Mou, que engade que decidiron aproveitar ese tempo “en crear ese novo EP, para vir con enerxías renovadas”.

 

Evolución e panorama

Logo de vinte anos, “o que máis destacamos é manternos en activo e coas mesmas ganas que no inicio”, apunta Mou, que tamén subliña a “evolución musical e das letras” neste tempo. “Cabe salientar tamén o manternos en activo como banda e coa mesma forza, incluso máis”, asegura.


“Aguantar vinte anos en activo non é cousa fácil”, afirma Mou entre risas, ao tempo que lembra que “non sempre tivemos clara a dirección que queriamos tomar dentro da música”. Pero o que sí tiñan claro era a liña, “non digo que pensabamos chegar aos vinte, pero sempre tivemos moi, moi claro que nos queriamos adicar a esto, todos a unha”.
 

No momento do nacemento, o obxectivo principal era “facer un disco profesional de rap en galego, que por aquel entonces non había”, abundaban os traballos do xénero, “pero non discos profesionais”. Esa era a meta “urxente” e “había que dar o paso”.
 

“Tódolos discos sacados son metas cumplidas e esperemos poñernos moitas máis metas que sexan dese tipo, sacar novos traballos e traballar na música en galego”, engade Mou.
Daquela o terreo era distinto, mais agora asegura que o rap en galego “está normalizado e hai unha calidade incrible de grupos que fan rap en galego, ou música urbana, cun nivelazo incrible”.
 

De cara ao futuro, Mou explica que desfrutarán destes dous bolos para “abrir boca” e, tras o verán publicarán un novo EP e esperan culminar o ano “cunha celebración por todo o alto”. 

Dios Ke Te Crew | “O rap en galego está máis normalizado e cun nivel incrible”

Te puede interesar