Esgotadas as entradas para ver a Luar na Lubre na Coruña

O grupo coruñés presentará no teatro Colón o seu último traballo: ‘Luar na Lubre XX. Encrucillada’ este venres 26 (20.30 horas)
Esgotadas as entradas para ver a Luar na Lubre na Coruña
Luar na Lubre nunha actuación no Ágora | Patricia G. Fraga

Luar na Lubre protagoniza este venres 26 de xaneiro (ás 20.30 horas) o segundo dos concertos incluídos na programación do ciclo ‘Folk no Colón’, unha iniciativa cultural promovida polo Concello da Coruña para visibilizar o talento musical das e dos artistas e as agrupacións galegas.


Na súa actuación no teatro Colón, Luar na Lubre presentará as cancións do seu último traballo: ‘Luar na Lubre XX. Encrucillada’. Editado nun formato libro-disco, recolle varios dos temas máis emblemáticos do grupo coruñés, un dos grandes representantes internacionais da música folk galega. Ademais do repertorio musical, o disco recolle unha ampla cronoloxía fotográfica e literaria da historia do grupo, cos testemuños de máis de 60 personalidades da música, a literatura e o xornalismo.


O álbum contén un tema moi especial para a banda galega, unha verdadeira xoia: é a canción 'El largo Camino de Santiago', que compuxo e gravou o cantautor cubano Pablo Milanés antes do seu falecemento.


As últimas entradas dispoñibles de cara á cita xa están esgotadas.


Budiño, seguinte protagonista do ciclo ‘Folk no Colón’, xa o 24 de febreiro

O ciclo inclúe seis actuacións, das que xa se realizaron dúas, as de Susana Seivane e Leilía. Tras Luar na Lubre, que marcará o ecuador da programación, será a quenda de Budiño, que o 24 de febreiro, ás 20.30 horas, presentará ‘Branca vela’, o seu oitavo disco. O artista volverá rachar barreiras da música tradicional galega cun álbum no que mestura percusión tradicional e electrónica.


Xa o 14 de abril, ás 19.00 horas, actuarán no teatro Colón Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre para presentar ‘Axúdame a sentir’, o seu último traballo.


Por último, pecharán o ciclo Folk no Colón Os do fondo da barra, que presentarán ‘Bânzô’, un traballo discográfico que contén temas tradicionais cun tratamento máis actual. O seu concerto será o 30 de maio, ás 20.30 horas.

Esgotadas as entradas para ver a Luar na Lubre na Coruña

Te puede interesar