O vindeiro día 26 (20.30 horas) celebrarase no teatro Colón unha nova cita do ciclo ‘Folk no Colón’. Desta volta subirán ás táboas do recinto Luar na Lubre e unha morea de amigos, para festexar e presentar o seu vixésimo disco, ‘Luar na Lubre XX. Encrucillada’.
Explica Bieito Romero que conciben este concerto “a modo de celebración” e, por ese motivo, acompañarán ao grupo amigos e antigos integrantes como Ana Espinosa (“a primeira cantante de Luar na Lubre”); Rosa Cedrón; Sés, Marisa Valle Roso; o cantante do grupo galego de heavy Astarot, Juan A. Antepazo; ou “unha escola de violíns que dirixe a nosa actual violinista”. Ademais destas “moitísimas participacións”, contarán tamén con “moitísimas sorpresas” neste concerto de celebración, que tamén deixa ver que “se mantén viva a relación con toda a xente que pasou polo grupo e con toda a que participa con nós”, indica Romero.
Comenta tamén o significado deste vixésimo traballo, que se publicou en formato libro-disco. “‘Encrucillada’ ten dous signigicados”, subliña Romero. Por unha banda, “é o cruce de dous ou varios camiños”, significado que apela ás moitas colaboracións do disco. Por outra banda, “é o momento de tomar decisións, estamos nun momento trascendental á hora de editar a música”.
Neste último punto afonda Romero, porque esta ‘Encrucillada’ podería ser o último traballo físico do grupo. “Até agora, víñase editando en diferentes formatos, que se casete, que se vinilos, que se CD... pero na actualidade hai que repensar un pouco cómo se teñen que editar estas músicas”, afirma Bieito Romero. A este respecto, tranquiliza ao seu público: “Moita xente pregunta se vamos deixar de sacar música. Música non vai deixar de saír, o tema é en qué formato imos sacar as próximas músicas”. Neste senso, miran cara o mundo das plataformas dixitais, mais asegura que algo similar xa ocorreu no pasado: “Os tempos móvense, o paso do vinilo ao CD, aquilo foi un trauma, eu teño unha colección importante de vinilos e para min foi traumático aquel paso, pero non pasou nada, afixémonos rápidamente”, apunta cun sorriso.
E por todo isto, pon en valor o camiño que levan percorrido como grupo. “Neste camiñar de 37 anos, pasaron moitas cousas, entre outras, vimos como a música galega se moveu moitísimo, e como nós nos movimos e fomos capaces de tocar en máis de 40 países”, lembra Romero.
Voltando ao novo traballo, ‘Encrucillada’ é unha forma de revisitar gravacións do pasado. “Quixemos facer un percorrido por cancións que para nós teñen un significado especial, que nun momento dado non eran precisamente as que máis soaban ou as máis coñecidas de Luar na Lubre”, subliña Romero, que engade que regravaron estas cancións, “mantendo a estrutura orixinal, pero están remasterizadas, remesturadas, con colaboracións... son cancións que levan tempo acompañándonos, pero, neste caso, están renovadas”.
Pero para facer a escolma tiveron que mergullarse en dez terabytes de gravacións, “unha auténtica burrada”, asegura Romero entre risos. “Todo ese material que temos gardado daría para facer, dende unha perspectiva distinta, moitos traballos da misma canción”, apunta sen poder conter a risa. O motivo polo que hai tanta cantidade de gravacións é que á enorme diversidade de instrumentación coa que traballa Luar na Lubre sumáronse as múltiples tomas para cada músico.
O concerto do 26 é parte do novo ciclo ‘Folk no Colón’, propostas que Romero subliña que “son clave” para “entender que hai un estilo musical que está vivo, que está aí, que funciona e que está máis vixente que nunca”.
“A música galega renaceu gracias ás músicas folk e nestes momentos somos un dos países de Europa onde a música folk ten unha forma impresionante, con moitísimas bandas e propostas de calidade”. Engade ademais que “nunca houbo un momento tan bo, como o actual, con tanto nivel de músicos e de propostas”.