A relación epistolar entre Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo é a mostra dunha forte amizade entre dous dos grandes persoeiros da Galicia do século pasado. Xosé Luis Axeitos é o encargado de editar ‘Cartas (1956-1979)’ (Renacimiento), unha obra que se presentou onte no Museo de Belas Artes e que recompila 332 cartas nas que ambos abordaron multitude de aspectos: desde as fundacións do Laboratorio de Formas, até a actualidade da época, pasando polos movementos críticos e clandestinos, “sempre con Castelao ao fondo”, apunta Axeitos.
“Digamos que é un debate intenso, apaixoado, sobre as máis diversas cuestións, pero sempre con Galicia como referencia”, explica o editor. Axeitos conta que, “a simple vista”, son as cartas de “dous exiliados, de distintas épocas, pero exiliados os dous”, que van “entablar un diálogo personal, en primeiro lugar”, pero debido ás viaxes dos dous (de Seoane a Europa e de Díaz Pardo por América), interrúmpese e o debate trasládase ás cartas.
“Estas cartas teñen a frescura da conversación, a frescura da actualidade política, artística... e crean, e debuxan, todo un magnífico círculo de sociabilidade que eles van, dalgunha maneira, mantendo ao longo dos anos”, subliña Axeitos. O epistolario “ten un interese único, excepcional, porque se segue a actividade política, a económica, os movementos críticos e clandestinos, con Castelao sempre ao fondo... é un epistolario en liberdade, pero, ao mesmo tempo, secuestrado polo exilio durante tantos anos”.
Dentro desta relación, “dánse paradoxos curiosos”, debido a que “Isaac escapa e marcha buscando a liberdade en Bos Aires e Seoane, e o resto de galegos, están desexando volver a Galicia”, comenta o editor, que lembra que “nun determinado momento, Isaac ten dúbidas de se instalar a cerámica en Magdalena, onde él a fundara, e Seoane quéreo convencer de que regrese a Galicia”. “Hai cartas moi intensas e interesantes que, ademais, iluminan e dan luz a moitos aspectos de todo o tratado na época.
En opinión de Xosé Luis Axeitos, son tres os núcleos principales que destacaría nesta relación epistolar tan intensa.
Por unha banda, subliña a parte na que abordan o Laboratorio de Formas e o museo Carlos Maside. “O aspecto fundacional non é burocrático como noutros casos nos que se monta un negocio”, asegura. “O Laboratorio de Formas era un laboratorio de ideas para restaurar a memoria democrática no país”, indica, ao tempo que lembra que tiñan “como un posible modelo destruido o Seminario de Estudos Galegos”, pero tamén outro “modelo máis universal e artístico, o da Bauhaus”. “As súas fundacións estaban orientadas por ese anceio de restauración democrática do país, por iso o museo Carlos Maside pretende recoller a obra de tódolos vangardistas e renovadores da arte galega a partir de Castelao”.
O segundo piar é a actualidade política e artística no mundo. “Citan todo o existencialismo, o arte comprometido, seguen toda a oposición ao franquismo e colaboran con Ruedo Ibérico”, explica como exemplos.
O derradeiro núcleo sitúao nas referencias aos seus universos artísticos e aos alleos, tanto europeos como americanos.
Axeitos é consciente de que, pese á amplitude do epistolario, non se pode falar dun completo. “Están as accesibles, as outras é imposible”, di entre risos.
Pero sinala que unha relación coma esta era fácil de recompilar. “Entre os exiliados era moi frecuente das cartas facer copia delas”, para poder seguir as diferentes conversas e non perder o fío. “Isaac gardaba estas cartas dun xeito especial”, asegura.