Javi Maneiro | “Hai moita xente que non se atreve a dar un cambio”

O músico barbanzano presentará o seu novo disco en solitario, 'Un bonito despertar', o día 17 no Playa Club
Javi Maneiro | “Hai moita xente que non se atreve a dar un cambio”
Maneiro, nunha foto promocional | Cedida

A visión que moita xente ten súa é a do cantante dos Heredeiros, pero, coas mesmas gafas de sol e coa guitarra na man, Javi Maneiro ten moitas cousas máis que dicir, “unha forma de ver as cousas distinta, coa visión dun home de 50 tacos”. E así o quere facer ver en ‘Un bonito despertar’, o seu cuarto disco en solitario, o primeiro en galego, cuxa presentación dá comezo esta fin de semana en Boiro e que contará cun concerto na Coruña: o día 17 no Playa Club (22.30 horas).
 

O novo traballo naceu “rapidísimo”, durante as navidades do 2021. “Quería sacar disco, como regalo aos seguidores, non solo que me sigue en Heredeiros, senón de Jabón Blue e da miña carreira en solitario”, afirma Maneiro, que lembra que cando tocaba gravar as voces, e no medio da xira de aniversario dos Heredeiros, “foi cando tiven un problema de saúde”. Foi ao sair do hospital cando “me din conta de que ese ‘Bonito despertar’ do que falaba ocorreume a min, porque foi como unha especie de premonición”. Mais matiza que “aínda que sona así, como guay, realmente ‘A morte non me enjaña’, ‘Paletilla baixa’, estas cancións, falan un pouco do que a min me pasou, que é a labazada que me deu a vida coa man aberta”.
 

O que tiña claro cando comezou a darlle voltas á idea do disco, era “que quería facelo en galego”, pero “non estaba pensando en ningún tipo de mensaxe”. “Despois, con todo o rebumbio, o disco colleu un sentido e colleu vida, porque foi algo que me sucedeu a min, pero que tamén lle pode suceder a moita peña”, apunta. “Un cambio de vida, un bonito despertar, é necesario para ser feliz, porque hai moita xente que non se atreve a dar un cambio”, afirma Maneiro, que explica que “os cambios son dolorosos, pero cando consigues facelo, resulta que te das conta do tempo que perdeches, de ser feliz... neste caso, a min paroume o corpo en seco, por eso lle digo á xente, que antes de que o corpo te pare en seco, intenta facelo en vida”.


En canto ao idioma, Maneiro subliña que levaba catro discos de Jabón Blue en castelán, aínda con algunha canción en galego, e que os tres primeiros discos en solitario “son en castelán”. “Levaba se escribir en galego moitísimo, porque con Heredeiros a última canción que escribín en galego foi ‘Corsaón de Carballo’”. Así, cando no seu colexio, o de Cadreche, saíron coa idea de que compuxera o himno, ‘Cadrechiños’, as ganas de compor en galego afloraron.

 

Cambio

Maneiro asegura que o feedback do disco está a ser moi bo. “Gústalle mogollón á xente que está a escoitar o disco”. “Non se esperan algo así, todo o mundo ten de min a visión do personaxe do cantante de Heredeiros, ese tipo de cancións eroticofestivas, pero non ten nada que ver con iso”, afirma o músico volvendo a esa “forma de ver as cousas coa visión dun home de 50 tacos”.


E iso trasládase a un directo que, aínda así, asegura que a xente desfrutará. “Cada vez que me subo ao escenario, o primeiro minuto é de nerviosismo absoluto, pero cando collo tranquilidade, o único que vexo son as caras das personas, se desfrutan ou non, non vexo se son xente xoven, maior, se son fans de Heredeiros, se son xente que vén por min... eu solo trato de que a xente que veña, sexan capaces de desconectar do mundo real, que salgan como se estivesen nunha sesión de ioga, ou de ximnasio si entran moito ao rabo e os fago menear moito”, apunta sen aguantar a gargallada. 

Javi Maneiro | “Hai moita xente que non se atreve a dar un cambio”

Te puede interesar