Os lugares imaxinados de Xulio García Rivas enchen a Fundación Luis Seoane

Os lugares imaxinados de Xulio García Rivas enchen a Fundación Luis Seoane
Xulio García Rivas xunto a unha das obras da Fundación Luis Seoane | Quintana

Lugares imaxinados, coma visións, lembranzas, memorias de paisaxes... A Fundación Luis Seoane recolle dende hoxe, até o 9 de abril, o ‘Manancial de sombras’ de Xulio García Rivas.


Trátase dunha escolma de traballos realizados dende o 2016, en pequeno e grande formato, na que preodominan estas últimas. Son, “esencialmente”, pinturas con tinta chinesa sobre papel de arroz e lenzos.


Antes da pandemia, García Rivas visitou Monty4 cunha selección semellante. “Ten que ver bastante con aquela mostra, mais é diferente, porque agora hai obras de gran formato, é un traballo máis contundente”, explica, e engade que é “unha exposición tamén máis trascendente para min”, polo espazo no que se sitúan as súas pezas, a sala principal da fundación. Sobre o fondo da mostra, apunta que o leitmotiv é “a paisaxe, a que me acompaña toda a miña vida”.


Na sala hai tanto obras pequenas como as grandes pezas de papel de arroz. “Compórtanse de forma distinta, funcionan diferente, pero a forma de traballo é igual”, comenta e matiza que “hai obras pequenas que suxiren espazos moi grandes”. En canto ao formato, mostra o seu amor polo papel de arroz, “interésame pola fraxilidade”, debido a que é “extremadamente fino, hai que traballar con moita delicadeza, require un traballo moito máis sutil, porque no lenzo pódeste expresar con máis expresividade, con golpes potentes e investigando texturas”, explica cun sorriso. 


Unha das pezas que máis chama a atención é a que recibe, no fondo da sala, ao visitante en canto chega a ela, unha peza diferente polo uso da cor, que contrasta co resto, “unha explosión de cor”, di García Rivas rindo.


A inauguración será esta tarde e apunta que será emotiva, porque no acto participarán Sara e Raquel, dúas violinistas de Tui “ás que coñezo dende que son pequenas e, para min, é unha emoción moi intensa, faime moita ilusión”.

 

Comisaría

A comisaria desta nova exposición é Sara Donoso, con quen García Rivas traballa por primeira vez. “Ten moito talento para esto, estou superfeliz, traballar xuntos é moi importante”.


As boas palabras son recíprocas: “foi unha cousa moi dinámica, é moi xeneroso”, apunta Donoso, que explica que “coñecía a súa traxectoria”, mais o contacto personal xurdiu na mostra en Monty4.


Donoso destaca a “capacidade experimental” de García Rivas, e a capacidade do gran formato “para envolver ao espectador”. Ademáis, resalta “a relación coa paisaxe, que parte da memoria, das lembranzas, das emocións”.


Tamén se publicará o libro ‘Manancial de sombras’, unha sorte de catálogo que inclúe textos sobre a obra de Ánxeles Penas, Sara Donoso e Juan Antonio Martínez.Casanueva. 

Os lugares imaxinados de Xulio García Rivas enchen a Fundación Luis Seoane

Te puede interesar