A Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae abren todos os días de 10 a 19 horas, con último acceso ás 18.00 horas no Aquarium e ás 18.30 horas na Casa das Ciencias e Domus.
Na Casa das Ciencias o público poderá gozar dunha das últimas novidades, a exposición «A través do James Webb», cunha colección de espectaculares imaxes do universo obtidas polo Telescopio Espacial James Webb. Ademais, do sábado 1 ao luns 10 de abril haberá catro sesións de Planetario:
11:30 Dinosauros (galego)
13:00 La niña que sabía caminar al revés (castelán)
17:00 Polaris (galego)
18:00 La noche es necesaria (castelán)
A Domus presenta entre as súas máis recentes novidades o módulo do parto, onde o público pode descubrir como é este momento único da vida a través de dous novos vídeos con imaxes de dous nacementos. O museo ofrece ademais numerosas experiencias interactivas relacionadas coa nutrición, a evolución humana, a xenética, o cerebro e tantas outras que convidan a coñecer as diversas facetas do ser humano.
No Aquarium Finisterrae o público poderá asistir a diario, ás 12 e ás 17 horas, ao momento de alimentación das focas das piscinas exteriores, así como descubrir as máis de 300 especies que viven nos tanques das diferentes salas, como os tiburóns da sala Nautilus. Ademais, poderá gozar das exposicións fotográficas temporais máis recentes, “Cru-Memoria do Mar Exeo” e “Avistamentos Atlánticos».