“Nailía”, de Loli Rodríguez, e “La soledad de los reptiles”, de Antonio Bonet de Luna, gañan o Torrente Ballester 2024

O certame está convocado polo departamento de Cultura da Deputación da Coruña
“Nailía”, de Loli Rodríguez, e “La soledad de los reptiles”, de Antonio Bonet de Luna, gañan o Torrente Ballester 2024
Xurado do premio en lingua galega

O XXXVI Premio Torrente Ballester de narrativa xa ten gañadores. Súmanse ao palmarés do certame, convocado polo departamento de Cultura da Deputación da Coruña, as novelas “Nailía”, da ribasilense Loli Rodríguez, en lingua galega, e “La soledad de los reptiles”, do madrileño Antonio Bonet de Luna, en lingua castelá. “Silvidos en las cumbres”, do tudense Diego Alfonsín Rivero, resultou finalista en castelán. Os dous vencedores recibirán 15.000 euros e a Deputación publicará as dúas obras.

 

A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu os dous xurados, nos que actuou como secretaria a xefa da sección de Educación e Cultura, Manuela Muñiz Souto. Formaron o comité avaliador en lingua galega os escritores César Lorenzo —gañador en galego en 2023—, Sica Romero, Marta Villar, Brais Lamela e María Rei Vilas; e en lingua castelá, Anna Blasco Rovira e Jesús M. Antón —gañadores en castelán en 2023—, María Sánchez, Xacobe Pato e Maria Salgado.

 

De “Nailía”, o xurado valorou “a boa narración da historia e a axilidade da lectura, nunha novela clásica na forma e na estrutura pero moi actual no punto de vista á hora de abordar o relato”. Tamén destacou “a representación de mulleres diversas e as imaxes poéticas que crea durante a narración con moi bo manexo dos diálogos”.

 

La soledad de los reptiles” é, para o xurado, “unha obra orixinal e arriscada, que perdura na memoria do lector, cunha reflexión que afonda no sentimento de perda e o lugar que ocupamos na sociedade”. “Trátase”, engade a resolución, “dunha novela ben estruturada e equilibrada, na que o autor mostra gran capacidade para manter a tensión narrativa de comezo a fin con bo ritmo e personaxes ben traballados”.

 

Ao XXXVI Premio Torrente Ballester presentáronse 66 obras en galego e 104 en castelán.

 

Loli Rodríguez (Torbeo, Ribas de Sil, 1964) estudou Maxisterio na Universidade de Compostela. Traballa no Hospital Meixoeiro. En 2023 publicou a súa primeira novela, “Os nomes de Val”.

 

Licenciado en Empresariais e Filoloxía Inglesa, Antonio Bonet de Luna (Madrid, 1970) estudou Dirección na Escola de Cine de Madrid e Creación Literaria na Escola de Escritores, tamén de Madrid, onde gañou a bolsa ao mellor alumno da oitava promoción do Máster de Narrativa 2016-18. Tamén seguiu cursos de cine en UCLA e de escritura creativa con Alejandro Gándara, Eloy Tizón e Marta Sanz.

 

Coa súa produtora Master Cluster produciu curtametraxes de ficción, vídeos corporativos e cursos audiovisuais. Como guionista e director, as súas curtas “Clases de ruso”, con Luis Tosar, e “Las viandas”, con José María Pou, deron a volta ao mundo, con máis de 250 seleccións en festivais internacionais e máis de 40 premios en dez países. Na actualidade, traballa no longametraxe documental “El marco de la cara”, coprodución entre España e a República Dominicana, en fase de posprodución.

 

Diego Alfonsín Rivero (Tui, Pontevedra,1980) traballa como profesor no ensino secundario en Galicia, logo de cursar Filoloxía Galega na Universidade de Vigo, formación que completou na Universidade Nova de Lisboa. Posteriormente, estudou Xornalismo na Universidade Carlos III de Madrid, onde recibiu unha bolsa para un semestre na Universidade de São Paulo. Entre 2008 e 2016 viviu en Alemaña, onde traballou como lector de galego e de español nas universidades de Heidelberg, Mannheim e Aquisgrán. En 2015 gañou o premio Miguel de Unamuno pola novela “Lenta Demolición” e en 2017, o premio Lueiro Rey en lingua galega pola novela “Non o saben as estrelas”. Tamén publicou un libro de contos, “Heidelberg y otros relatos” (2018), e “Libro de notas” (2022).

“Nailía”, de Loli Rodríguez, e “La soledad de los reptiles”, de Antonio Bonet de Luna, gañan o Torrente Ballester 2024

Te puede interesar