Pablo Leira | “A Festa dos Porcos é parte da historia do barrio de Labañou, que alimentaba á cidade”

Pablo Leira | “A Festa dos Porcos é parte da historia do barrio de Labañou, que alimentaba á cidade”
Pablo Leira, na praza da Tolerancia | Quintana

A piques de cumprir un lustro como secretario da asociación veciñal de Labañou, Pablo Leira Canedo (A Coruña, 1983) é un dos culpables da recuperación dunha das festas máis antigas das que se ten documentación na cidade: a Festa dos Porcos de San Roque. Hai máis dun século que na zona fálase de cuchiqueiras e cortellos, pero ao longo da xornada de hoxe será adaptado, na praza da Tolerancia, ás novas xeracións de residentes.

 

Non todo o mundo presumiría orgulloso dunha 'festa de porcos'...

O nome descubrímolo porque fixemos un vídeo da historia de San Roque e chegaban historias de señores do barrio de cando eramos pequenos. Entendemos que haxa xente á que non lle guste, pero é parte da historia do barrio, antes da chegada dos edificios grandes. Ven das cuchiqueiras de san Roque, porque pola zona de Calvo Sotelo había moita xente que criaba porcos e supoñemos que este barrio alimentaba ao resto da cidade. Cando empezou nin siquera era concello de A Coruña. Había unha asociación de gandeiros que facía unha festa ao ano polo San Antón.

 

Por que deciden recuperala?

En parte foi porque nos fixo gracia a historia, pero tamén pola data. Somos dunha xeración de coruñeses con aldea, que no verán non estabamos todos aquí. 

 

¿Ata que punto se ten mantido a tradición oral?

A xente maior, que rolda os 80 anos, aínda lembra aquilo. Contan que era unha romaría popular, pero nós decidimos adaptala aos tempos de agora. 

 

Sempre fan especial mención aos rapaces nas súas festas...

Tentamos chegar a tódalas idades, aínda que sexa difícil. Algúns dos que estamos somos pais e faise máis doado. O difícil é chegar a adolescentes e xente nova, supoño que deberíamos ter xente da súa xeración na asociación e nós estamos na metade. 

 

Poucos barrios teñen o sentemento de Labañou...

Visma, Elviña ou o Barrio das Flores o teñen, pero é certo que en zonas do barrio si que hai ese sentimento de xente de toda a vida, que xa viviu nas casas pequenas de San Roque. É outro ambiente ou concepto de cidade, alonxado do que é agora: coñécense entre si, mercan no pequeno comercio e teñen trato de toda a vida. Cara ao futuro veremos, porque hai xente que quere vivir no barrio e non pode, polo prezo da vivenda.

 

Serán as únicas festas de Labañou?

Nós imos organizar estas e o magosto, que son ás que queremos darlle importancia na asociación. Igual o Concello mete algo a maiores pola programación das Festas de María Pita.

 

O ano pasado foron gafes: tocou en pleno Depor-Albacete!

Este ano xa non pode ser gafe, porque non coincide. Cando chegabas á festa había silencio, notábase esa tristeza colectiva. 

 

Cal é a situación da asociación?

Máis de 200 familias son socios e na directiva somos 11. Para a festa facemos unha comisión. Desexaríamos ser moitos máis, porque unha asociación da moitísimo traballo, fai falta máis xente para que non todo recaiga sobre os mesmas. 

 

Cales son as principais urxencias no barrio?

O principal é o de sempre: a mellora nas liñas de bus e estamos no mellor ano para facelo, pois remata a concesión da empresa municipal. Neste barrio os polígonos están case incomunicados: é imposible chegar á Grela ou Pocomaco. Ao ter a Escola de Idiomas, UNED e conservatorio xeramos un tráfico moi propio, porque ten que vir xente de fóra. Outro aspecto é a pacificación do tráfico na rolda de Outeiro, á altura de Padre Rubinos. Tamén seguimos coa idea de tirar os muros da cidade escolar pata ter máis espazos verdes.

 

Que mensaxe mandaría para achegar xente á festa?

Quen queira vir vai atopar unha festa tranquila, cunha oferta variada: desde o tradicional á banda de música de Arzúa, que fascinou no festival da Luz, máis que moitos grupos con moito máis caché. Teñen mogollón de fans. O circo vai ser un espectáculo de acrobacias moi bo para quen queira artes escénicas. Finalmente, haberá unha parte de verbena e de música electrónica con moito do máis interesante da música galega. Por outra banda, Femenino plural destacaba na labor das mulleres na composición. Sempre queremos que as mulleres estean representadas no cartel. 

Pablo Leira | “A Festa dos Porcos é parte da historia do barrio de Labañou, que alimentaba á cidade”

Te puede interesar