Pablo Rañales | “A ciencia ficción é un xénero comprometido co futuro”

Pablo Rañales é un escritor que, coa súa novela ‘Os afogados’, pretende facernos ver a biosfera da nosa comunidade doutra maneira
Pablo Rañales | “A ciencia ficción é un xénero comprometido co futuro”
Pablo Rañales, coa súa novela ‘Os afogados’, na feria | Quintana

Pablo Rañales (1999) é un escritor mugardés que, coa súa novela ‘Os afogados’, pretende facernos ver a biosfera da nosa comunidade doutra maneira. A cabalo entre a ciencia ficción, a crónica social e o ensaio biolóxico, a obra narra a aparición, nos ríos e praias de toda Galicia, dunha nova especie animal, os afogados, que obrigará á humanidade a prantexarse a súa relación coa natureza.

 

Cal é a orixe de ‘Os afogados’?

 

‘Os afogados’ nace dunha pulsión por intentar entender a nosa relación coa natureza no século XXI, pero tamén de dúas imaxes. Eu imaxinaba que no fondo das rías galegas habitaba algún tipo de civilización perdida, e que nalgún momento a marea ía baixar tanto que ía desvelar todos estes segredos. E isto mesturábase coa imaxe dun ser en principio feminino, feito de area, que se recompoñía na praia. Ese ser foi mutando ata transformarse na idea dos afogados, estes seres feitos de conchas, algas e navallas.

 

A novela lembra a filmes como ‘A chegada’, pero tamén a Ursula K. Le Guin ou H.P. Lovecraft


‘A Chegada’ é unha das grandes inspiracións. Pero en termos literarios ‘Os afogados’ dialoga con ‘Membrana’, de Jorge Carrión, porque me axudou a construir a voz narrativa. Sabía que a miña novela tiña que ter unha voz potente, e un estilo que xogase coa idea de que quizáis a historia non está narrada por un ser humano, e que ten polo tanto a súa cadencia, as súas teimas, o seu propio rexistro. E logo bebín de autores que xogan moito coa estructura, como Berta Dávila.

 

Por que explorar ese tipo de narrativas? 


Pois é unha cuestión fundamental de intentar construir un futuro colectivo para camiñar cara el. A ciencia ficción o que fai é iso: construir o futuro, ben desde a utopía ou a distopía. Ao non estar habituados a este tipo de narrativas, carecemos dun horizonte. Así que realmente é un xénero que necesitamos en Galicia porque é un xénero comprometido coas causas sociais e con ese horizonte, con esa construcción de futuro. E que nos fala de algo tan fundamental como a tecnoloxía nun mundo hipermediático, en que estamos esgotados pola maneira que temos de entender o ecosistema dixital.

 

Prestanse as nosas vilas para falar delas a través das ferramentas da ciencia ficción?


Si. ‘Os afogados’ intenta cumprir esa función social de, por un lado, tratar de comprender a importancia da paisaxe nas nosas vidas, pero tamén como nos relacionamos con colectivos que non entendemos de todo. Os afogados ao final son un colectivo onde entran moitísimos outros. Iso vai desde os migrantes ao colectivo Lgtbi. E fala sobre como establecemos relacións con eles nas nosas vilas, nas nosas comunidades, que non é un tema menor. Sobre como nos relacionamos co descoñecido.

 

Un dos elementos máis reseñables da novela é o uso da linguaxe inclusiva para referirse a eles.


Foi unha idea orgánica, que responde ao sentido dos afogados. Para min era importante deixar moi claro que son un grupo complexo, que escapa á nosa comprensión da natureza, incluso ao nivel de que non teñen xénero nin sexo, e polo tanto non son dicotómicos ou dualistas. Para min era algo natural; era a única maneira que tiña para amosarlle ao lector constantemente esa complexidade, que pensase nunha terceira vía, que é un reto, pero tamén unha idea moi atractiva.

 

Debe a literatura ter sempre unha compoñente social?


Eu defendo que quizáis sempre non. Tampouco creo no moralismo excesivo. Pero si que penso que os escritores temos unha función á que nos debemos, e temos tamén unha responsabilidade nesta sociedade frenética, que é facernos parar e ver o mundo doutro xeito, con máis calma. Vivimos tan rápido que é case imposible, así que os libros se teñen que cumprir cunha función é esa: máis que ter un discurso tremendamente ideolóxico, deben ter ese compromiso por parar e pensar o mundo con máis calma.

 

Que pode adiantarnos dos seus futuros proxectos? Xa hai grandes ideas na cabeza? 


Non sei se grandes, pero hai ideas. Estou escribindo sobre as feridas da mocidade, e cada vez máis habita en min o desexo de falar dos horrores que hai nas nosas relacións amorosas, dos monstros que hai alí. Son ideas matrices que estou rumiando na cabeza, buscando formas e tramas para que saian. 

Pablo Rañales | “A ciencia ficción é un xénero comprometido co futuro”

Te puede interesar