Quico Comesaña | “O disco non está en dixital, son un pouco rebelde nese sentido”

Quico Comesaña | “O disco non está en dixital, son un pouco rebelde nese sentido”
Quico Comesaña (dereita) cos músicos que o acompañan nestes concertos | Cedida

Tras moitos anos ligado a diferentes formacións e un parón obrigado nos últimos anos, Quico Comesaña emprendeu un proxecto en solitario, nacido “dunha necesidade personal”, que derivou en ‘Mae’, un disco conceptual que presentará no teatro Rosalía o vindeiro día 22 (20.30 horas). A estrutura do disco “é un pouco diferente ao habitual, non é que sexa único, pero non é moi normal facer música instrumental así, con catro pezas de dez minutos cada unha, non é a moda”, recoñece entre risas Comesaña. “É un disco que tería feito cando era adolescente, é un traballo feito pensando en tempos pasados”, di.
 

Ao Rosalía non poderá levar o disco tal cal. “Encantaríame facelo exactamente igual pero é moi complicado porque faría falta unha banda moi numerosa, e non é rentable”, apunta. Polo tanto, serán cinco músicos sobre o escenario, mantendo o importante e deixando a un lado certos instrumentos que no disco aportan máis texturas: “a idea é defendelo o mellor posible”.


“Levo moitos anos na música e sempre traballei en formacións, é a primeira vez que fago algo completamente personal”, subliña Comesaña, que lembra que xa tería feito un traballo coma este se “hai anos tivese a capacidade e os medios técnicos”. Ademais, puntualiza que, aínda que é un proxecto “en solitario”, este tipo de traballos “sempre están feitos con máis xente, é un traballo persoal, pero co apoio dos músicos”.

 

Parón e vinilo

Comesaña tivo que facer un parón obrigado a causa dunha artrite reumatoide que lle complicaba tocar. O tratamento evitou as inflamacións e reduciu as dores. “A felicidade é enorme, non me quita todo, pero o suficiente para subir de novo a un palco”, comenta cun sorriso. A volta e o disco serviron para ter “boas críticas”. 
 

E todo, a pesar de que o disco só o concebiu en formato físico: “Son un pouco rebelde nese sentido”. A ilusión é editalo en vinilo, “aínda lle queda vida, a ver como funcionan os concertos, aínda hai tempo de editalo en vinilo, cousa que me encantaría”. 
 

A razón principal é a súa concepción da súa música: “é para escoitar, é como coller un libro e tratar de desconectar do ruído ambiental, precisas ese pequeno esforzo, é un disco conceptual, é conveniente escoitalo enteiro”. Ademais, comenta o seu gusto polo vinilo, “con esas portadas alucinantes, con interiores, textos e un montón de información”, completa Comesaña. 

Quico Comesaña | “O disco non está en dixital, son un pouco rebelde nese sentido”

Te puede interesar