A compañía Caramuxo Teatro, fundada por Juan Rodríguez e Laura Sarasola na rúa Ponte da Coruña, vén de celebrar os seus vinte anos de actividade, unha efeméride que consideran “xa un éxito, tal e como están os tempos” e que celebran “traballando moito”, explica Rodríguez. Recoñecen que estas dúas décadas foron “moi positivas” e lograron asentar a agrupación, “que ten un público bastante fiel e que conseguiu unha estética e unha linguaxe propia, que se recoñece”.
Houbo, neste periodo de vida, diversos premios e recoñecementos como o María Casares que lograron tanto ‘Feo!’ como ‘A nena que vivía nunha caixa de mistos’, pero Juan Rodríguez é rotundo: “Sempre gusta que recoñezan o traballo, pero o mellor premio é poder seguir facendo teatro para as familias”. Tamén o espectáculo que están representando os últimos meses, ‘Crisálida’, foi recomendado por Camiño Escena Norte e lles valeu unha xira por Asturias, Cantabria e País Vasco.
Non todo é bo, xa que notan un descenso na programación de obras deste estilo. “Desde a pandemia perdeuse o acto de levar os nenos ao teatro e, en xeral, estase a ver menos público. Os concellos deberían apostar máis por este tipo de teatro”, di Rodríguez.
Desde Caramuxo Teatro cren que as artes deberían estar asociadas ao eido educativo: “Actuar e xogar, e o xogo é a mellor maneira de aprender”, indican. A linguaxe que utiliza a compañía é cada vez máis visual, coidando detalles como as bandas sonoras.
Sobre ‘Crisálida’, inspirada na mercería ubicada na rúa San Andrés da Coruña, comentan que é “unha historia que leva varios anos na nosa cabeza e coa que queremos facer a nosa pequena homenaxe a esas persoas que fan que as cidades teñan vida e sexan ricas en historias. Poñemos en valor a importancia do comercio tradicional nun mundo globalizado e cada vez máis dixitalizado. Eses espazos son o pegamento dos barrios”, conclúe Juan Rodríguez.