‘Entroido’ é a nova novela do escritor de Bañobre (Miño) Rober Cagiao –artífice da saga ‘El guardián de las flores’–, o que supón a súa primeira obra en galego e na que teñen un protagonismo importante as rúas da Coruña e enclaves como o castelo de San Antón. “Ambientala na miña cidade e escribila en galego era unha conta pendente”, sinala o autor.
Tres mulleres fortes, asasinatos e escándalos sexuais son as pezas clave da historia, que conecta a cidade herculina con Barcelona e que chega o vindeiro luns, día 4, ás librarías. Tras 14 novelas publicadas e premios como o Círculo Rojo a Mellor Novela de Misterio, Cagiao apunta que a trama comeza a principios do século XXI cando o Asasino do Martelo desata o pánico cos seus crimes.
“Cando saquei ‘O guardián’ saqueino en castelán porque así me criei pero a medida que medras vas interiorizando a lingua e temos un compromiso coa cultura. O que poidamos facer temos que facelo, tendo en conta as dificultades que ten o galego”, explica o escritor, que tamén “tiña pendente” situar unha trama na cidade. “Do que se trata é de transmitir a luminosidade e as cousas bonitas da cidade”, di.
A ronda de presentacións comezará o día 7 ás 19.00 horas na libraría Nobel e tras o seu paso por Vilagarcía, Ferrol e Narón voltará á área coruñesa o día 14 cun acto na libraría Nobel de Sada, o 15 en Arenas, o 16 en Couceiro, o 20 na biblioteca de Miño, o 22 na libraría Mar de Letras de Oleiros e o 23 na libraría Clunia da Coruña. Todo un ‘tour’ no que falará tamén da súa traxectoria, con 14 libros publicados desde o 2019 , ano en que deixou o seu traballo nun supermercado para centrarse na súa carreira como escritor. As súas máis de 100.000 copias vendidas amosan que foi unha boa decisión.
“Só quero escribir e escribir para aproveitar o que dure isto”, sinala Cagiao, fan de autores como Arantza Portabales, Pedro Feijoo e o finado Domingo Villar.