Reportaxe | Tradición e futuro ao redor do Camiño con moita maxia e circo

Reportaxe | Tradición e futuro ao redor do Camiño con moita maxia e circo
Martín Varela, co vestiario de ‘Inventio’ | Vanessa Rábade

O ano é 2094, unha Galicia que ben podería ser partícipe duna película de Stanley Kubrick ou Ridley Scott afronta o seu derradeiro Xacobeo do século, mais o Camiño que no pasado percorrían milleiros de peregrinos, agora non é máis que unha mera lembranza do pasado.


Este é o punto de partida de ‘Inventio’, o espectáculo que pecha a súa xira esta fin de semana no teatro Colón (venres e sábado) e que mestura disciplinas artísticas tan variadas como a maxia, o circo ou a danza.

 

 

Cóctel de emocións


O seu director artístico, Martín Varela, ten claro que o público atopará “un espectáculo superentretenido, cheo de ritmo, de maxia, de música... un cóctel de emocións en forma de espectáculo”.


‘Inventio’ naceu polas disciplinas artísticas, ás que logo se sumarían esa atmosfera do ano 2094, “no último ano Xacobeo do século, e planteamos un futuro no que o Camiño desapareceu”, comenta Varela, que explica que “queriamos crear dous mundos, o do pasado e a tradición e o do futuro, un cunha identidade marcada e outro aséptico e impersonal”. O propio director artístico ten claro que, de entrada, “a mensaxe pode sonar forte”, mais todo se compensa “co entretido que é o espectáculo”, que non é unha obra de teatro á que se suman o resto de disciplinas, senón que “a historia é un leitmotiv que invade o espectáculo a nivel visual e sensorial”, subliña Varela.


E o resultado está a ser moi positivo, “ao final, o feedback é moi positivo, porque tanto veñen pequenos como maiores e a todos lles está a gustar”, comenta Varela, “conseguimos o que queriamos ao principio, un espectáculo superentretenido”, engade.

 

 

Disciplinas e futuro


Unha das partes máis duras, “sobre o papel e a nivel técnico e teórico”, foi a mestura de discplinas artísticas, porque houbo que adaptar os números, como os de maxia e circo, para “interpretalos ben nun teatro”, porque hai secuencias circenses complicadas “coma un número, de báscula acrobática, que se adoita ver nas carpas dos circos, con saltos mortais incluidos”, comenta Varela.


Outra das partes importantes do espectáculo é o mundo que crea, que non só bebe dos mencionados cineastas, senón que toma outras referencias para o pasado e futuro da historia que se conta, como “o universo Sargadelos”, que para Varela é coma “o universo Bauhaus, que é a mesma cousa, pero na Galicia”. Deste xeito, pódese ver en ‘Inventio’ como os obxectos e referencias tradicionais galegas serven de inspiración para o pasado e futuro na peza.


O desta fin de semana é o final da xira, mais Varela agarda que non acabe aquí e retomala no futuro “porque a resposta é moi boa”. “Queda moito por explorar aínda da fórmula que creamos con ‘Inventio’”, conclúe. 

Reportaxe | Tradición e futuro ao redor do Camiño con moita maxia e circo

Te puede interesar