A finais deste ano, o mandato de Julio Abalde como reitor da UDC chegará ao seu fin. A agrupación á que pertence, Nova Luce, ven de elixir ao matemático e investigador Ricardo Cao como o seu candidato para ocupar ese cargo.
Por que decide dar o paso para ser candidato a reitor?
Realmente, o primeiro que me impulsou é que houbo bastantes persoas da comunidade universitaria, do grupo Nova Luce ao que pertenzo, que me animaron a facelo. Eu penseino durante un tempo e decidinme a intentalo e a poñer o meu nome enriba da mesa. Logo, Nova Luce foino tratatando e na asamblea da semana pasada quedou refrendado. A min tamén me animan a presentarme todos os retos que temos agora por diante.
Cales son eses retos?
Principalmente, hai que aplicar a nova Lei de Ordenación Universitaria (LOSU), que eu creo que se quedou curta en algúns aspectos. Pero hai máis aspectos nos que traballar. Un deles é o da renovación xeneracional. A Universidade, en xeral, ten un persoal moi avellentado na administración, servizos e profesores. Non temos o número de incorporacións de xente nova que deberiamos, e iso temos que reflexionalo e tratar de modificalo. Para facer iso, é moi importante ter un financiamento axeitado. Tamén hai que traballar no aspecto da participación. Por exemplo, nas últimas eleccións ao claustro, que está composto por 300 membros, houbo máis de vinte plazas que quedaron vacantes porque non houbo persoas que se presentaran a elas. E iso non é positivo. O equipo de Goberno ten unha influencia limitada niso, pero entre todos temos que lograr que a participación aumente. Non so de xeito númerico, senón cualitativamente: que haxa máis participación na toma de decisións para acordar os obxectivos e facer os cambios que haxa que facer e traballar neles.
En que se queda curta a LOSU?
Como mínimo, en toda a normativa que non vai por Lei Orgánica senón por Real Decreto. A convocatoria de novas eleccións xerais vai ter impacto aquí. Hai Real Deretos que xa estaban traballados por parte do Goberno do Estado, que teñen que ver co doutoramento ou cos ámbitos de coñecemento. E hai outros relativos aos departamentos, que agora pode habelos ou non, esa é outra das novidades. E tamén está o tema da acreditación, que é un sistema no cal o profesorado, cando quere concorrer a prazas de mellor categoría, previamente tivo que ser avaliado por diferentes órganos estatais e autónomicos e iso lle habilita para poder concorrer a ese tipo de oposicións. Ese sistema de acreditacións vaise cambiar, aínda que a LOSU é aberta e hai decretos que teñen que regular iso. Incluso, hai cousas que non estarán nos decretos e que terá que definir a universidade.
Fala do adianto electoral. En que pode influir na universidade?
É un dos poucos aspectos nos que o adianto poder ter vantaxes: non influirá nas eleccións da UDC. Convocaranse despois do verán e adoitan ser a finais de novembro ou principios de decembro. Se non houbese adianto, coincidirían de pleno coas eleccións xerais. O Goberno actual foi traballando nos distitntos reais decretos, e algúns deles van tratar de que se aproben a tempo porque estaban moi traballados. Pero hai cousas que van quedar pendentes. Se o novo Goberno que haxa no Estado é dunha cor política similar ao actual, entendo que continuará con elas, aprobándose en non moito tempo. Se hai un cambio, non sei que vai suceder. A LOSU non tivo o apoio unánime de todo o Parlamento español, iso é certo. Pero por outra parte, é unha Lei Orgánica, que levou moito tempo facela e que non se modifica dun día para outro.
Vostede forma parte da mesma organización que o actual reitor. Veremos unha xestión continuista?
Sobre o pensamento que está na base do que é Nova Luce, non vai haber cambios. Seguiremos apostando por unha universidade pública, de calidade, co financiamento axeitado e con igualdade de oportunidades. A Universiade serguirá sendo un motor de cambio social onde as persoas menos favorecidas, grazas á educación, seguiran sendo clave. Como dicía Mandela, a educación é a ferramenta para cambiar o mundo. Os cambios virán nos aspectos concretos que comentaba antes: imos avellentando, e os profesores sentímonos novos porque os alumnos, que son os nosos interlocutores, sempre son novos, pero nós non. É fantastico traballar con xente nova, pero ollo, que nós imos avellentando. E tamén o tema da participación que xa comentei.
Seguirán apostando pola Intelixencia Artificial (IA)?
Sí, é algo totalmente clave. Este último equipo reitoral, con Abalde á cabeza, xa tivo unha aposta importante pola IA. A Universidade e o Citic tiveron tamén un papel importante na consecución da sede da Aesia para A Coruña. A Universidade, e o Citic singularmente, ten uns recursos hamnos moi potentes en IA. Por suposto que temos que seguir con todo ese traballo. Na loita contra a pandemia xa vimos que é algo moi importante é útil.
De ser elixido, vostede seguiría investigando?
Hai que ser realista. Eu tentaría ter algunha dedicación, pero son consciente de que tería moi pouco tempo no caso de ser reitor. Eu xa falei cos membros do grupo para saber ata que punto lles podería pedir algo máis de esforzo para non perder as liñas de investigación que temos. O que supoño que si que podería facer e centrarme máis na supervisión que no traballo de campo.