Os Satélites: A orquestra referencial. Por Paco Lodeiro

Os Satélites: A orquestra referencial. Por Paco Lodeiro
Actuación de Los Satélites

Por Paco Lodeiro

 

O nivel das orquestras galegas é recoñecido en toda España. Cada verán, as nosas agrupacións musicais teñen a capacidade de revolucionar calquera vila ou cidade de Galicia, pero tamén de fóra. A competencia entre elas é o catalizador da súa calidade, o que as obriga ano a ano a mellorar e así temos no mercado as tecnolóxicamente máis potentes, as que apostan pola posta en escena, as máis agresivas no seu repertorio, as dos ritmos latinos ou es que renovan cada ano a lista de temas. Esta especialización condiciona o perfil dos seguidores.


A volatilidade das formacións é moi alta e, cando remata a tempada, despois do San Froilán, ábrese o mercado de fichaxes para que os cantantes e bailaríns escoiten ofertas doutras orquestras.


Os Satélites son alleos a ese ir e vir de compoñentes e a procura de grandes trocos na posta en escena. Tamén os arranxos e o repertorio teñen que ser fieis ao seu estilo clásico. Son moitos os fieis da súa orquestra que queren escoitar, un ano máis, os temas propios dos Satélites que escoitaban nos anos oitenta do século pasado nos radiocasettes.


A iniciativa de gravar anualmente disco dos irmáns Fixoi, Pepe e Luis, cando asumiron a dirección musical do grupo ao seu regreso de Venezuela, foi o salto diferencial que lles valeu o recoñecemento da mellor orquestra de España, así como ser  invitada como orquestra de directo nos programas da única televisión que existía daquela.


O actual responsable da orquestra, Saavedra, entrou nos Satélites sendo un neno. Representa a esencia dese espírito: grandes músicos, formación estable, arranxos qe potencien a virtuosidade dos instrumentistas de vento, e a fidelidade a eses grades temas que son xa clásicos non só do seu repertorio, senón tamén da verbena galega.


Xa no inicio da orquestra no ano 1938, Otero Mariñas ‘Lolito’ e Jaime Camino, os seus creadores, tiñan ese obxectivo de destacar pola calidade dos seus músicos. O elenco de voces tamén é impecable. Encabezado por Noly, que xa é desde hai pouco o cantante máis lonxevo da historia dos Satélites, representa esa mestura idónea de voz, elegancia, habilidade no baile e proximidade no trato co público. Arturo e María José, a mellor representación dese característico timbre das voces venezolanas que tanto se valora no repertorio das orquestras galegas. Alejandra Pais, a olímpica de Monte Alto, quen con todo merecemento foi elixida a mellor voz da verbena galega na primeira edición da Liga dos Cantantes Extraordinarios.


Hai orquestras que a superan en agresividade, en actualización da playlist, na posta en escena ou en recursos escenográficos. Pero os Satélites é a favorita dos que queren ver e escoitar ese estilo clásico de orquestra.

Os Satélites: A orquestra referencial. Por Paco Lodeiro

Te puede interesar