Este sábado (21.30 horas) chega ao Coliseum ‘O derradeiro diluvio’, a festa de fin a case dous anos de xira coa que as Tanxugueiras presentaron ao público o seu último traballo, ‘Diluvio’. Será un concerto con “moita emoción, acompañada de xente e amigos, e eso fainos moitísima ilusión”, comenta Sabela Maneiro sobre o que poderá esperar o público, en referencia tamén á compañía que terán sobre o escenario, coa presenza de artistas como Rayden, Rozalén, Guadi Galego, Fillas de Cassandra, Valeria Castro, Muerdo ou Mondra, entre outros.
“Pero, sobre todo, é un camiño dende que Tanxugueiras empezou até hoxe”, explica Sabela, lembrando que “era imposible meter todas as cancións, pero vai a ser un recordo de todo o que levamos camiñado”. E de todo ese camiño, esta ‘Xira Midas’ foi, en resumo, “unha locura”, comenta entre risas. “Creo que empezamos agora a ser conscientes, vendo vídeos”, apunta. “Foi todo tan intenso, que o cerebro non é capaz de procesar, pero agora, vendo vídeos de Riazor, Vigo, do ViñaRock... empezas a ser consciente, porque nese momento tirabas para adiante e sobrevivías, pero empezamos a ver que o que fixemos foi moi, moi, moi grande”, subliña. I esa locura e enormidade da xira culmina nun Coliseum co cartel de ‘non hai entradas’, sendo Tanxugueiras o primeiro grupo galego e que canta en galego que logra tal fito.
Hai algo máis de catro anos, antes de publicar ‘Contrapunto’ e a súa xira de presentación, noutra entrevista coma esta, Sabela explicaba que un dos obxectivos que tiñan como grupo era demostrar que a música tradicional, e en galego, esta á moda. Catro anos despois, asegura que “está máis que cumplido ese obxectivo”. “Todo o que tiñamos que facer, xa o fixemos, agora o resto é disfrutar, seguir avanzando, pero sen presión, todo o que tiñamos que facer, de obxectivos, están cumpridísimos, por enriba das expectativas”.
Daquela, falaban tamén das súas referencias e as chiscadelas que deixaban nas súas creacións. Agora, son elas as referencias dos grupos emerxentes. “É flipante, que te teñan como un referente, como un grupo ao que escoitar, e ver, e aprender, para nós é unha marabilla, e unha responsabilidade tamén”. “O máis bonito de todo é ver como todo o mundo, o 70% da xente que fai música en Galicia, pois mete un acompañamento de pandeireta e podes facer calquera estilo de música, pero a pandeireta é un instrumento máis e é superbonito”, explica Maneiro.
Ademáis, coas colaboracións con artistas de todo o país, están a conseguir outro fito, como é que eses artistas veñan de xira por Galicia e canten tamén en galego. Sabela cre que é sinxelo: “Se os que somos da zona, os que somos do pobo, estamos orgullosos do que facemos, da nosa lingua, quen vén de fóra nótao e únese a ese orgullo”. E engade, “quen ten que ter ese orgullo somos nós, os que temos que quitar esa vergoña por falar en galego, por cantar música tradicional ou por dicir que eres ‘gallego’, somos nós... e cando pasa eso cambia todo”.