The Rapants | “Aínda que estemos tristes polas letras, a música ten que facer bailar”

O grupo de Muros visita esta tarde a FNAC para presentar o seu novo disco, ‘La máquina del buen rollo’, no marco de ‘Los directos de PortAmérica’. Antes, detallan como xurdiu o disco e como evolucionaron como banda nos seus seis anos de vida
The Rapants | “Aínda que estemos tristes polas letras, a música ten que facer bailar”
Xanma e Samuel, no Palacio de la Ópera | Patricia g. Fraga

Co ‘Corasón como un after’, The Rapants levaron a súa festa a todos os recunchos posibles e foi, precisamente nesta xira, cando xurdiu o nome do seu novo disco, ‘La máquina del buen rollo’, que esta tarde presentan na FNAC, no marco de ‘Los directos de PortAmérica’ (19.00 horas).
 

Antes da súa cita na FNAC, Xanma e Samuel explican cómo naceu ese nome. “Samuel dicía todo o tempo que eramos ‘la máquina del buen rollo’, facíame moita gracia, porque é unha frase que poñían no ‘Saltamontes’, que é de Muros, e ao redor dese concepto, fixemos tamén a idea da portada, tamén co ‘Saltamontes’ e esa música de festa que temos”, explica Xanma, que engade que “é algo que xa usabamos e nos identifica moito”. “Ademáis, involucra ao noso pueblo (Muros)”, subliña Samuel.
 

Volven facer bailable o seu sentir e o da súa xeración. “Sáenos supernatural, as letras son cousas que nos pasan a nós, de amor, un pouco de crítica a certas cousas”, afirma Samuel, que engade que con esa mestura cos seus ritmos bailables buscan “a desconexión dos problemas do día a día”. “A música a fixemos para bailar nós, se nos fai bailar, penso que á xente tamén lle fará bailar”, sinala. “O noso manager díxonos: ‘Estades facendo un disco que se chama ‘La máquina del buen rollo’ e as cancións son todas tristes’”, lembra Xanma entre risas, “pero saíu así”. “Matías defíneo moi ben, o disco é o ‘Saltamontes’, se o dono ten un mal día, aínda que esté triste, él ten que encender a música e as luces e poñerse a bailar”, comenta Xanma, “nós igual, aínda que estemos tristes polas letras, a música ten que facer bailar para olvidar os problemas”.
 

E logo, o concepto vira en festa nos concertos. “Toda a nosa vida vai en torno á festa, é moi fácil facelo”, indica Samuel, que recoñece que se deixan levar, que non levan nada preparado, nin sequera as frases do tipo “Abadín, abadán, Abadín, bon, ban”, que lembra Xanma entre risas do seu paso polo concello lucense. “Improvisado no momento, non forzamos nada, pasámolo moi guai e todo se retroalimenta”, di Samuel rindo.
 

E a festa tamén é festa porque alí onde van, vai detrás unha lexión de muradáns. “Temos hooligans de público, veñen a todos lados”, recoñece Samuel, mentres lembran que esa lexión, incluido o pai de Xanma, os seguiu até o concerto que deron en Bruxelas.
 

Co anterior disco, non podían cantar eles ‘O avión’, porque era o público quen levaba a voz cantante. Con algún tema como ‘Tuenti’ ou ‘Meu cariño’, do novo, comeza a pasar o mesmo. “A xente tamén ten que ter o seu momento, para nós, a xente ten que formar parte de este círculo e estar dentro, que se note que están dentro”, di Samuel.
 

O grupo naceu no 2018 e, pese á pandemia, lograron un éxito rápido entre o público. Aínda así, a ilusión é a mesma. “Eu sigo vendo esa ilusión, todos a seguimos vendo, o crecemento foi moi orgánico”, apunta Samuel. A pandemia serviulles para explorar e tocar máis, ata atopar o característico son que agora os define como The Rapants. “Somos moi esixentes con iso, queremos dar ao público o mellor produto posible”, engade Xanma.


O grupo tamén é unha sorte de utopía futbolística. Preguntados sobre si preferirían tocar en Riazor ou en Balaídos, ambos rin, pero recoñecen que en calquera. “Riazor encantaríame, non vou mentir, pero en Balaídos tocaron Muse e Gun’s and Roses”, comenta Samuel, mentres Xanma apunta tamén aos dous: “Gustaríame os dous tamén”. 

The Rapants | “Aínda que estemos tristes polas letras, a música ten que facer bailar”

Te puede interesar