A Torre de Hércules poderase visitar de noite durante o mes de agosto

A Torre de Hércules poderase visitar de noite durante o mes de agosto

Os xoves de xullo foron un éxito na Torre de Hércules e as súas visitas nocturnas. Ante a boa acollida da iniciativa, e en resposta á alta demanda e ás peticións das persoas visitantes de ampliar a actividade, as visitas regresan ao faro no mes de agosto.


Este mes as visitas darán comezo o venres día 5. As seguintes datas serán o mércores 10, o venres 19, o mércores 24 e rematarán o último día do mes, o mércores 31 de agosto. As entradas poderanse adquirir só de xeito presencial e estarán á venda no CIAV, cada día que haxa unha visita organizada, desde as 09.45 horas. Aplicaranse as tarifas habituais, cun custo de 3 euros a xeral e 1,50 euros a reducida. Só haberá unha visita nocturna por semana e a capacidade estará limitada a 20 persoas por día. As persoas que acudan a comprar as entradas poderán levar soamente dúas por persoa.


Quen asista á visita guiada deberá estar no CIAV o mesmo día ás 20.30 horas Durante a actividade, que comeza ás 21.00, as persoas asistentes poderán coñecer da man dun guía unha parte do parque escultórico, o interior da Torre de Hércules e o balcón do faro. A duración aproximada é de dúas horas. Recoméndase a quen acuda que o fagan con roupa de abrigo ou choiva en caso de mala previsión meteorolóxica. Alta demanda das visitas nocturnas.


Co gallo do aniversario da concesión de monumento Patrimonio Mundial da UNESCO, a Torre de Hércules organizou xa dúas visitas nocturnas guiadas, a primeira delas o 27 de xuño, cando se cumpriron 13 anos desde a obtención da distinción, e a segunda esa mesma semana, o día 30.


En ambos os dous casos a convocatoria foi un éxito, chegando a completar a capacidade nas dúas ocasións. As persoas asistentes puideron descubrir o faro máis antigo do mundo desde unha perspectiva distinta e coñecer máis sobre a historia do monumento.


Tamén durante o mes de xullo as visitas nocturnas foron moi demandadas. Todas as semanas esgotáronse o número de entradas á venda, completando sempre a capacidade para realizar a actividade. As persoas que asistiron, independentemente das condicións climatolóxicas, puideron achegarse á Torre de Hércules vivindo unha experiencia distinta e única.

A Torre de Hércules poderase visitar de noite durante o mes de agosto

Te puede interesar