A Universidade da Coruña (UDC) e a Real Academia de Medicina de Galicia (RAMG) colaborarán no intercambio de experiencias e de persoal nos campos da docencia e a investigación. Así se reflicte no convenio asinado hoxe entre o reitor da UDC, Ricardo Cao, e o presidente da Real Academia de Medicina de Galicia (RAMG), Francisco Martelo, para os vindeiros catro anos.
Tal e como se recolle no acordo, o obxectivo é desenvolver un espazo común de traballo onde compartir o coñecemento e promover a investigación, para o que ambas as dúas institucións establecerán sinerxías formativas interdisciplinares baseadas na evidencia científica, docente e investigadora, colaborando con profesionais do ámbito da saúde e a sociedade e favorecendo o desenvolvemento e a capacitación da comunidade académica, do estudantado e do profesorado da UDC, así como da sociedade.
Ao abeiro deste convenio, a UDC e a RAMG comprométense a facilitar o intercambio de profesionais docentes e investigadores; favorecer a participación en proxectos e programas de investigación e desenvolvemento; cooperar en programas de formación de persoal asistencial, investigador e/ou técnico; fomentar actividades de promoción de saúde e de prevención de enfermidade; e asesorarse mutuamente en cuestións relacionadas coa actividade de ambas as entidades.
Ademais, as dúas institucións manterán comunicación e colaboración coa UDC saudable, sostible, solidaria e inclusiva, a través das pertinentes oficinas, unidades e servizos universitarios, así como nos proxectos que resulten de interese común, e formarán parte e, de ser o caso, participarán no Equipo Teams de entidades UDC Saudable.
Segundo o convenio, a Real Academia de Medicina de Galicia comprométese a fomentar a participación de alumnado da comunidade universitaria en programas, proxectos e servizos da RAMG a través das actividades de voluntariado e de prácticas do estudantado universitario, ou a través de traballos de fin de grao ou máster, así como tamén a dinamizar, organizar e facer difusión de temas de saúde nos campus da Coruña e de Ferrol da UDC mediante ciclos de conferencias, talleres e outro tipo de presentacións en facultades e escolas. Tamén promoverá o desenvolvemento, durante o curso académico, de relatorios, obradoiros e campañas informativas e de sensibilización dirixidas á comunidade universitaria UDC e á sociedade.
Pola súa parte, a Universidade da Coruña porá a disposición da RAMG o seu potencial como comunidade docente, investigadora e de acción comunitaria, comprometéndose -a través da Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social- a facilitar a participación voluntaria de estudantado e profesorado UDC en proxectos e iniciativas da RAMG e a dinamizar e difundir información da Real Academia a través das canles de comunicación coas que conta a UDC: páxina web e redes sociais, entre outras.
Coa firma deste convenio, a Universidade da Coruña reafirma o seu compromiso cos valores da promoción da saúde, da prevención e da educación sanitaria, consolidando así a súa vocación de cooperación institucional e de servizo á sociedade a través dá docencia, a investigación e a divulgación científica.