A Coruña acollerá do 26 ao 29 de marzo a VI Semana do Cinema Galego, a gran celebración cinematográfica non competitiva do país, que exhibe o máis salientable da produción audiovisual galega do último ano. Un total de oito filmes -os seleccionados como finalistas a mellor longametraxe e mellor documental dos XXIII Premios Mestre Mateo- vanse proxectar no Teatro Colón da cidade herculina en sesións gratuítas para o público.
As proxeccións estarán acompañadas por presentacións dos equipos dos filmes, quen introducirán e conversarán co público sobre os seus traballos en todas as sesións do ciclo.
A VI Semana do Cinema Galego botará a andar co documental Salvaxe, Salvaxe, de Emilio Fonseca, que se exhibirá o mércores 26 ás 19.30 h, tras a inauguración oficial do ciclo. Salvaxe, salvaxe rastrexa imaxes e ausencias do lobo ibérico. Atravesa unha historia relacional cargada de mitoloxía popular, sometemento e exterminio e enfróntase a unha historia audiovisual feita de imaxes-simulacro do natural salvaxe. Este ensaio fílmico é un anti-documental de natureza: nel aparecen lobos que devolven a mirada a cámara aterrorizados e humanos que saben ouvear.
Ese mesmo día tamén se proxectará As Neves, a obra de Sonia Méndez que conseguiu 13 candidaturas finalistas aos XXIII Premios Mestre Mateo. Un thriller que sigue a un grupo de adolescentes nunha vila de montaña onde todos se coñecen.
O xoves ás 19:30 h será a queda de Aurora, un documental dirixido por Area Erina que segue a Aurora e Area, mulleres achegadas de mundos totalmente dispares e con gran diferenza de idade entre elas, que establecen unha forte relación de intimidade, confianza e profundas conversacións ligadas á morte, a familia, a guerra e o papel da muller.
Na segunda sesión do xoves ás 21:30 h proxectarase Prefiro condenarme, o documental dirixido por Margarita Ledo que conta a historia de mil caras de Sagrario, mariscadora na ría de Ferrol, que confronta cunha nai díscola, unha órbita familiar en perpetuo desasosego e un xuízo por adúltera aos 33 anos, en 1972, por mor dunha filla que ten co seu amante, un carpinteiro “digno de querer”. Tal unha nova Antígona, Sagrario colócase fóra da regra e ao desobedecer reivindica, canda a lei non escrita, o desexo. No fondo, a igualdade coas de “arriba” que ninguén critica.
O venres 28 de marzo ás 20 h será a vez de + Cuñados, a comedia de Luis Avilés protagonizada por Federico Pérez, Xosé A. Touriñán e Miguel de Lira que segue as novas aventuras dos cuñados máis famosos do audiovisual galego, esta vez, no Entroido.
Despois será a proxección de Filmei paxaros voando, un documental de Zeltia Outeiriño que, despois de 20 anos vivindo en Barcelona, volta a Galicia para filmar a memoria do seu admirado tío Antonio, un artesán téxtil galeguista gai que viviu intensamente nos anos 80. Un camiño de volta a casa complexo, pero tamén cheo de amor, coidados e sanación.
A última xornada da Semana do Cinema Galego comezará o sábado coa proxección de Honeymoon ás 20 h. Dirixido por Enrique Otero e protagonizado por Javier Gutiérrez, Nathalie Poza e María Vázquez, é un dos títulos con máis candidaturas finalistas aos XXIII Premios Mestre Mateo.
A última sesión será o sábado ás 22 h coa proxección do thriller Xustiza artificial, de Simón Casal. A película relata un escenario no que o o goberno español anuncia un referendo para aprobar un sistema de Intelixencia Artificial na Administración de Xustiza que promete automatizar e despolitizar a xustiza substituíndo, na práctica, aos xuíces e xuízas en todos os tribunais do país.
Un total de oito filmes repartidos en catro días de moito cine. As obras escollidas son todas traballos finalistas dos XXIII Premios Mestre Mateo que concede a Academia Galega do Audiovisual nas categorías de mellor longametraxe de ficción e mellor documental. Os títulos da programación suman un total de 39 candidaturas aos galardóns do audiovisual galego.
Na súa pasada edición, a Semana do Cinema Galego reuniu a case 300 espectadores por xornada, cifras que demostran que é unha das grandes citas cinematográficas galegas da tempada. Unha oportunidade única para poder gozar da colleita audiovisual galega en pantalla grande.
A VI Semana do Cinema Galego está impulsada pola Academia Galega do Audiovisual e conta co apoio do Concello da Coruña e da Deputación da Coruña.