Xosé Manuel Sánchez Rei | “Os cantares da Coruña foron aproveitados por recoñecidos artistas internacionais”

Filólogo e autor de ‘Cantar na Coruña’, unha obra que recolle o cancioneiro popular da cidade dos séculos XVIII e XIX, pon en valor o impacto destas pezas no panorama musical actual
Xosé Manuel Sánchez Rei | “Os cantares da Coruña foron aproveitados por recoñecidos artistas internacionais”
Xosé Manuel Sánchez Rei posa co libro ‘Cantar na Coruña’ | Patricia G. Fraga

A unha semana da gran celebración do trinta aniversario do movemento bravú, que revolucionou a música de Galicia con A Coruña como pista de saída, non hai que esquecer o papel do cancioneiro popular e o seu impacto no panorama actual. Con este motivo, recordamos o libro ‘Cantar na Coruña’ do profesor de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña (UDC) Xosé Manuel Sánchez Rei, que recompilou esta parte da cultura da cidade dos séculos XVIII e XIX.

 

Por que decidiu recoller nun libro o cancioneiro coruñés? 

Hai uns anos, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda organizou un ciclo sobre toponimia en que participei cunha palestra sobre os nomes de lugar da Coruña que aparecían no cancioneiro de José Pérez Ballesteros, unha obra publicada en 1885/6 totalmente referencial para a literatura tradicional galega. A análise daqueles materiais, xunto ao doutros cancioneiros clásicos, foi a base do libro, unida á circunstancia de non haber unha publicación desa índole centrada nos cantares tradicionais procedentes da cidade do Orzán.

 

Que importancia teñen para a identidade cultural da Coruña? 

Con certeza, posúen unha relevancia que non é menor: son cantares que nos falan doutros tempos, das profesións, dos microtopónimos da cidade, dos labores cotiáns das clases populares, de microhistorias de persoas da urbe… Ao mesmo tempo, como filólogo, teño de sinalar que eses máis de 400 textos proporcionan valiosísimas informacións sobre o galego oral popular da cidade, unha cidade –e isto é importante lembrármolo– onde naceron as 'Irmandades da Fala', o coro 'Cántigas da Terra', as 'Escolas de Ensiño Galego' ou onde tivo e ten a sede a Real Academia Galega.

 

Cales foron as maiores dificultades que atopou á hora de recoller estas cancións?

Os cantares proveñen da súa maioría das coleccións de Pérez Ballesteros, Saco Arce ou Valladares, entre outros, que son recoñecidos intelectuais do século XIX. Mais tamén se documentan textos dos séculos XVII e XVIII polo valor histórico que representan. Nestes medios, talvez a maior complexidade fose traballar coas poesías máis antigas, pois, en ocasións, non estaba claro se facían referencia á Coruña ou non se sabía con certeza onde foran colixidas.

 

Houbo algo que o sorprendese durante a súa investigación? 
Sen dúbida a variedade e a diversidade dun repertorio elegantísimo, unido á enorme calidade poética duns textos emanados directamente do pobo e transmitidos por este durante centos de anos, maiormente por mulleres. Deixando de lado temas tan líricos, o que máis me sorprendeu foi que se esgotase a primeira edición e que houbese que facer unha reimpresión de alí a pouco tempo…

 

Canto tempo traballou neste ensaio?
O estudo estaba bastante madurecido por causa de ser, dalgún xeito, o produto daquelas investigacións desenvolvidas no ciclo de toponimia da Asociación Alexandre Bóveda. A elaboración do libro talvez levase uns seis ou sete meses entre selección de textos, edición, anotacións; e aquí debo recoñecer con xustiza a total dispoñibilidade de Edicións Laiovento que, cando soubo do proxecto, abrazou a idea de bon grado e fixo realidade como publicación ese traballo.

 

Hai algún tema recorrente que sexa especialmente representativo da sociedade coruñesa? 
Pois hai, si, mais non sabería dicir un só: moitos cantares falan da romaría da Virxe de Pastoriza, outros lémbrannos persoas reais que existiron (Prego da Agrela, Mantiñán de Palavea…), hainos que recollen topónimos da cidade (Campo da Leña, Elviña, O Monte, Palavea, Rúa Real, Santa Margarida, Visma, Vioño…) etc.

 

Como impactan estas pezas na cultura musical actual? 
Hai que subliñar que os cantares tradicionais da zona da Coruña son ou foron aproveitados por artistas de primeira fileira e por recoñecidas formacións internacionais, como Cántigas da Terra, Milladoiro, Xabier Díaz, Xacarandaina… Trátase dun repertorio moi plástico e versátil, capaz de se recrear tanto na sobremesa dunha reunión familiar ou nunha foliada como tamén de se levar aos festivais de maior prestixio internacional.

 

Que sorpresa pode levar o público lector con este libro que quizais non espere?
Partindo da base de cada persoa representa unha maneira vital de interiorizar o que le, estou ben certo de que moita xente (re)descubrirá un legado artístico que fai fincapé no potencial da cultura galega e en galego, neste caso concreto na proveniente do mundo tradicional. E quizais –quen sábe?– alguén no aspecto persoal ou familiar se vexa recoñecido no universo que ese conxunto de cantares nos transmite.

 

Ten moitos libros publicados, traballa xa nalgún outro proxecto? 
O horizonte editorial máis próximo que teño envereda preferencialmente a miña profesión, que é a de filólogo, e o meu traballo, que consiste na docencia de materias da Área de Filoloxía Galega e Portuguesa na UDC. Dito isto, non descarto, nun futuro, voltar a traballar sobre literatura tradicional, mais os próximos e proxectos estarán centrados en cuestións mormente lingüísticos e filolóxicos.

Xosé Manuel Sánchez Rei | “Os cantares da Coruña foron aproveitados por recoñecidos artistas internacionais”

Te puede interesar