A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude impulsa este Nadal unha ampla programación cultural para todos os públicos. Así, as bibliotecas e museos dependentes da Xunta de Galicia concentran múltiples actividades e exposicións para estas festas, das cales máis dunha vintena serán en Coruña. Trátase dun amplo abano de propostas que pode consultarse na Axenda Cultural de Galicia e que inclúe desde obradoiros, mostras fotográficas e bibliográficas, propostas infantís, presentacións de libros, concertos ata a iniciativas para os máis pequenos e maiores.
No caso da Coruña, as actividades céntranse na Biblioteca Pública Miguel González Garcés, que conta con numerosas propostas para os máis cativos, pero tamén para o público adulto. Neste senso, están programados o 21 de decembro o Contacontos para bebés; o día 26 o obradoiro artístico Imaxina o teu Nadal, e o 27 de decembro haberá un obradoiro infantil titulado Debuxando o teu nadal. Ademais, o 4 de xaneiro, será a quenda de Cardiño caracol.
No Museo de Belas Artes, pola súa banda, nestas datas de Nadal poderase visitar as exposicións Convidadas: Dúas miradas de Zuloaga e Arquitecturas que falan do seu tempo, abertas ata o 23 de febreiro e con visitas guiadas os sábados ata o seu peche, e a Torre de la Parada. Un espazo pictórico para Rubens, que estará dispoñible ata finais do vindeiro ano e que conta con visitas guiadas os sábados.
Ademais, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén ten en marcha o programa de dinamización lingüística Nadal en Rede con propostas culturais en galego nunha trintena de concellos.
No caso da provincia da Coruña, a terceira edición desta campaña chegará a Pontedeume o día 15 con Meco e sono; a Ponteceso o día 20 con A lingua somos todos, e ese mesmo día, a Brión con Xa é Nadal cos Piñeiriños. Tamén estarán en Santa Comba o día 22 con Meco e sono; en Padrón o 26 con A árbore dos desexos; en Oleiros o día 28 con Ves como sabes?. Finalmente, en Teo o día 29 e o 30 en Santiso estará o Desconcerto de Nadal. A esta programación súmanse os Cantares de Reis dos Bolechas que actuarán en Padrón e en Melide os días 27 e 28 respectivamente.