A Xunta retirou máis de 6.400 niños de vespa velutina o ano pasado

A Xunta retirou máis de 6.400 niños de vespa velutina o ano pasado
Máxima seguridade na uniformidade e os materiais empregados polos profesionais

A Xunta renovou neste 2022 un ano máis con Seaga a encomenda da retirada de niños de vespa velutina no marco do Plan centralizado de retirada de niños desta especie acordado en 2020 entre o Goberno galego e os concellos a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Deste xeito, a Xunta continúa traballando de maneira coordinada cos concellos para seguir loitando contra esta especie invasora e reducir a intranquilidade que lles ocasiona á cidadanía a súa presencia despois de redobrar en 2020 os esforzos e actuar de forma centralizada.


Así, por terceiro ano consecutivo, a Xunta colabora cos concellos para ofrecer unha solución homoxénea en todas as zonas afectadas e acadar unha maior eficacia na retirada e neutralización dos niños de vespa velutina ao longo deste ano.


No ano 2021, o operativo de Seaga encargado da encomenda retirou case 18.000 niños: 6.417 na provincia da Coruña, 2.166 na de Lugo, 1.699 en Ourense e 7.575 na de Pontevedra.


En canto ao balance do primeiro semestre deste 2022, a empresa pública Seaga, encargada de novo da encomenda da retirada dos niños desta especie nos 306 concellos galegos adheridos este ano, eliminou un total de 2.238 niños desde xaneiro a xuño deste ano. Destaca A Coruña con máis dun milleiro -1.032- de niños eliminados ou neutralizados, seguida dos 913 na provincia de Pontevedra, mentres que en Lugo e Ourense se retiraron 182 e 111 niños respectivamente.


O Goberno galego xa viña traballando desde 2014 nun programa de vixilancia e control para minimizar o impacto da vespa asiática na comunidade e, ante o aumento da súa presenza, decidiu redobrar o ano pasado os esforzos e actuar coa Fegamp coa posta en marcha dun Plan centralizado para frear o seu avance a través da colaboración cos concellos nas labores de retirada e extinción dos niños.


A asunción pola Xunta das tarefas de retirada de niños en todo o territorio galego require contar con colaboración externa para realizar os traballos, encargándolle á empresa pública Seaga as actuacións necesarias para a retirada e destrución de niños incluídos no marco Programa galego de vixilancia e control fronte a avespa asiática .


No ano 2020, en virtude de dito plan, a Xunta de estivo actuando en 285 concellos fronte aos 83 do ano 2019. Posteriormente, á vista dos bos resultados acadados, tamén foi renovado en 2021 o encargo a Seaga e proba da boa acollida desta iniciativa, foi o feito de que non soamente se mantiveron adheridos os 285 concellos do ano 2020, senón que se sumaron 15 mais, polo que a Xunta estivo actuando, a través de Seaga, nun total de 300 concellos, é dicir, o 96% do total.


En febreiro deste 2022 volveu a renovarse con Seaga o encargo para a execución dos traballos de retirada e destrución de niños incluídos no Programa Galego de vixilancia e control fronte a avespa asiática. Neste ano están adheridos ao Plan 306 concellos, o 98% do total de concellos de Galicia.


A empresa Seaga encargada da encomenda conta cun equipo de coordinación que organiza aos equipos de intervención, aos que a Xunta dotou do equipamento necesario para garantir a máximas condicións de seguridade dos seus efectivos durante os operativos (EPIs, pértegas, escopetas, marcadoras, insecticida, transporte, material informático...). Ademais, o persoal dispón da formación requirida na lexislación vixente, polo que se establece a normativa reguladora da capacitación para realizar tratamentos con biocidas.


Con este plan, unha vez recibida a chamada no 012, actívase o protocolo e contáctase co axente encargado de atender o aviso para determinar a actuación que procede. Na maioría dos casos retíranse nun prazo máximo de 5 días hábiles, salvo nos niños de difícil acceso ou que requiran actuacións complementarias ou permisos, nos que o prazo pode ser maior.


Cando os avisos se corresponden cunha urxencia ou son de risco especial por estar en lugares moi concorridos derívanse aos servizos de emerxencia do 112 para a súa retirada inmediata, por exemplo, niños activos no interior de vivendas habitadas ou en establecementos singulares ou de pública concorrencia.  

A Xunta retirou máis de 6.400 niños de vespa velutina o ano pasado

Te puede interesar