Os veciños de Viós promoven o primeiro festival rock da parroquia

Os veciños de Viós promoven o primeiro festival rock da parroquia
Cinco dos integrantes da asociación de veciños de Viós | QUINTANA

A nova directiva da asociación veciñal de Viós leva uns meses no cargo pero desborda enerxía e ideas para dinamizar a localidade, que conta con algo máis de 230 veciños. O sábado estréanse no mundo dos festivais e promoven o Aghora Viós Fest, unha sesión de concertos de rock e pop a cargo das bandas Malditos Lunes, Low Gain e #DosEnPunto, todas elas relacionadas dalgunha forma con esta parroquia abegondesa. Será no Campo da Festa ás 18.00 horas.


O xerme do proxecto xurdiu hai anos cando Gabi, de Low Gain –con avós e nai de Viós– lles falou do seu desexo de tocar ante a súa xente. “El sempre tivo a ilusión de tocar no pobo dos seus avós e este ano por fin imos levalo a cabo; son os grupos, e sobre todo Gabi, os que están levando a parte logística e técnica do evento e nós só somos os ‘mediadores’ e o canal de difusión”, explica Pachi Patiño, presidente da AAVV. 


Nesta primeira edición o Aghora Viós Fest terá barra, carriños con comida, photocall e outras iniciativas. Nace con vocación de manterse no tempo e agardan unha importante afluencia: “Cremos que á xente vaille gustar ver tocar ao veciño, o primo ou o sobriño. Ademais, fóra do cartel temos outra artista sorpresa”, adiantan.

 

Outras actividades

Queren involucrar a toda a veciñanza nas súas actividades e xa teñen organizado desde charlas informativas ata saídas culturais, ademais de festas ou comidas. “Non queremos ser a típica asociación que só fai festas, aínda que é un dos nosos puntos fortes; temos intención de programar novas charlas onde os propios veciños transmitan os seus coñecementos, que temos un capital moi importante e ás veces non o valoramos”, comentan, e destacan a colaboración da comisión dos festexos de San Salvador, unha agrupación á marxe da veciñal coa que manteñen unha excelente relación.


“A participación é total entre todos os veciños, aquí se organiza algo e non hai que chamar a ninguén, xa se presentan para botar unha man”, apunta Emilio Boedo, que define a localidade como unha “pequena aldea gala” na que apenas hai vivendas baleiras e está sumando novos veciños.


Pachi, Emilio, Manuel, Mercedes, Felicidad, Laura, Pablo, Toñita, Daniel, Cristina e María son os integrantes dunha directiva que o 21 de setembro tamén realizará unha multitudinaria paella. 

Os veciños de Viós promoven o primeiro festival rock da parroquia

Te puede interesar