A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Política Social, María Blanco, valorou hoxe como moi positivo o balance das casas niño, un servizo pioneiro que Galicia que se comezou a implantar hai oito anos e que está a ser imitado por outras comunidades autónomas. Fíxoo na visita á nova casa niño, Abebos, que abriu as súas portas, este ano, no Concello de Paderne co apoio da Xunta de Galicia. Para a posta en marcha deste servizo, que atende nestes momentos a catro nenos, contou cunha axuda inicial de 15.000 para realizar obras de acondicionamento do local e adquisición do material, e cunha prima anual de 24.800 euros ata o 2027.
A delegada felicitou á súa responsable que, ademais, de abrir este centro recibiu tamén outro apoio do Goberno autonómico de 10.000 euros, do programa Emega para o fomento do empredemento feminino.
O Goberno galego fixo unha aposta decidida por dotar aos concellos do rural desta alternativa de conciliación para promover que as familias destas áreas tamén conten con opcións para compatibilizar a súa vida laboral e familiar.
Ademais, e como novidade, a convocatoria, aberta o ano pasado, incluíu unha axuda complementaria de 150 euros semanais durante o tempo que dure a baixa de maternidade ou paternidade da persoa encargada do servizo. Esta axuda é para todas as casas niño. Neste senso, a delegada lembrou, que hoxe mesmo, abriuse a orde de continuidade das casas niño que xa están en funcionamento.
Galicia inicia este ano con 18 casas niño na provincia da Coruña das 104 que abriron as súas portas no 2025 na comunidade galega. Belén do Campo fixo fincapé nas moitas vantaxes que se derivan da posta en marcha destas instalacións. Por unha parte, axudan a fixar poboación, ao dar opcións de conciliación tamén nos concellos máis pequenos e facelos, así, máis atractivos; ao tempo que xeran postos de traballo dos profesionais que as xestionan. “Queremos que a xente quede a vivir nos concellos do rural”, sinalou a delegada, quen asegurou que, para iso, cómpre apostar por ofrecer “servizos de primeira categoría” en todo o territorio.