O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar as bases reguladoras da convocatoria de subvencións da Deputación dirixidas aos concellos, agrupacións de municipios, mancomunidades e outras entidades locais para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística de 2022, unha iniciativa que contará cunha achega provincial de 550.000 euros, dos que cada beneficiario poderá recibir un importe máximo de 15 000.
Segundo apuntou a Deputación onte, poderán participar na convocatoria todos os concellos da provincia de 5.000 ou máis habitantes ou agrupacións de concellos e mancomunidades que, entre eles, cheguen a esa cifra mínima de residentes.
En 2021 un total de 46 concellos contaron con persoal técnico para a promoción do galego
“En 2021 un total de 46 concellos contaron con persoal técnico especializado para a promoción do galego a través da liña de axudas da área de Normalización Lingüística da Deputación”, destaca o departamento que dirixe María Muíño.
As solicitudes presentaranse de xeito telemático na sede electrónica da Deputación, a través da plataforma de tramitación electrónica do ente provincial (Subtel) e o prazo de presentación remata o 31 de xaneiro.
“Entre as funcións xerais e de dinamización dos servizos están o asesoramento á Administración en materia de política lingüística, velar polo cumprimento da lexislación, fomentar o uso do galego na sociedade; planificar, xestionar, executar e avaliar accións favor da lingua, propoñer programas dinamizadores ou coordinar redes de traballo para o fomento da nosa lingua”, apuntan.
Cada localidade poderá obter un máximo de 15.000 euros para accións en lingua galega e outros servizos
O servizos tamén deben desenvolver funcións de formación que inclúen a planificación, coordinación e realización de cursos, a difusión de materiais para promover o uso do galego ou a colaboración no deseño de programas de formación a favor desta lingua.
Coa finalidade de fomentar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes incorporarase o principio de transversalidade de xénero na actividade subvencionada, aplicando o principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, de tal xeito que se planifiquen as actuacións tendo en conta as desigualdades existentes e se identifiquen e avalíen os resultados producidos para o avance na igualdade real, conclúen desde o ente que preside Valentín González Formoso.