‘Imesa, unha historia inoxidable’ é o título do libro que vén de publicar Damián Tuset, arteixán afeccionado á automoción que traballou uns dous anos e medio para recopilar información sobre a marca Industrias Motrices SA, con identidade 100% local e que foi pioneira na fabricación de furgonetas en fibra de vidro, unha idea que trouxeron a Galicia varios emigrantes retornados de Uruguai. Ademais, crearon o primeiro prototipo dun coche sen carné en España e fabricaron 22 unidades que nunca puideron sacar ao mercado por non existir aínda lexislación sobre estes vehículos. “Foron tan innovadores que colleron desprevida á propia Dirección de Tráfico”, di Tuset.
Descubriu a marca “lendo unha revista de coches clásicos” e comezou a indagar. “Atopei poucos datos e moi imprecisos. Como arteixán fastidiábame que quedase no esquecemento unha marca de aquí cunha historia tan interesante”, apunta, e lembra que pasou meses buscando a empregados –logrou falar con 27 dos cerca de 50 que chegou a ter a empresa–, recolectando información, catálogos e fotos, ademais de visitar desguaces “porque non daba atopado ningunha Imesa en circulación”.
Tuset conversou con moita xente maior para dar cos traballadores da fábrica, pero todo empezou “cun golpe de sorte”. “Puxen unha mensaxe en redes buscando a xente relacionada con Imesa e un amigo escribiume que estaba facendo unha reforma como albanel nun piso da Coruña e o dono lle dixera varias veces que tivera unha fábrica de coches en Arteixo. Díxenlle que se asegurara ben, a ver se falaba dun taller, pero finalmente era verdade e din con Constante Alonso, o único fundador da marca que queda vivo e grazas a quen fun atopando máis datos”.
Pola súa parte, Alonso asegura que este libro lle fixo “revivir una etapa de juventud”. “Me emocionó y colaboré con Damián en lo que pude”, di quen emigrou con tres anos a Montevideo e regresou con 31. “Allí yo trabajaba haciendo automóviles en fibra de vidrio, un modelo que se exportó primero a Ecuador y después a España. Me propusieron venirme a Coruña a hacer una pick up porque aquí no había ese tipo de vehículo. A veces se adaptaba una caja de madera a un furgón para temas del agro, pero nada parecido a lo que se conocía como pick up”, indica.
Xunto aos irmáns Catoira montou unha factoría que daría traballo a unhas 40 ou 50 persoas, segundo a época, e que chegou a despachar máis de 1.600 unidades –1.200 na primeira etapa, con mecánica SEAT tras lograr un importante acordo de colaboración, e unhas 400 na segunda, con Citröen–, según as estimacións de Tuset: “Hai que coller todo con pinzas porque non hai datos oficiais pero contrastei matrículas, números de bastidor...”, di.
Damián Tuset, apaixoado da restauración de coches, tamén logrou mercar unha Imesa para poñela a punto.
Cando levaba un ano buscando, explica, “apareceu unha en Pontevedra e non o pensei”. O público obxectivo destas furgonetas –que tiñan varias versións: pick up, isotermo, frigorífica e mixta de cinco prazas–, sinala o arteixán, eran “pequenos empresarios, moitos destes relacionados co mundo do mar”.
Imesa desarrollou o primeiro coche sen carné en España, que chamaron VIPO. “Constante Alonso e Manuel Rivas [o exalcalde de Cambre e presidente dos empresarios de Sabón] víronos cando estaban veraneando en Francia. O VIPO pasou todas as probas de homologación pero a Dirección Xeral de Tráfico non os autorizou a circular nin a saír ao mercado. Non había lexislación sobre circular sen carnet, colléronos desprevidos”, desvela Damián Tuset.
Para adquirir o libro é necesario escribir ao correo electrónico dtuset84@gmail.com.