O PSOE de Arteixo reclama actuacións urbanísticas urxentes en Meicende e Borroa

O PSOE de Arteixo reclama actuacións urbanísticas urxentes en Meicende e Borroa

O grupo municipal socialista reclama melloras urbanísticas urxentes no barrio de O Petón e As Eiras, para darlle seguridade a veciñanza do barrio de Meicende, así como solucionar os problemas de canalización de auga e da rede viaria de Borroa e Naia.


No caso de Meicende, o portavoz socialista Martín Seco, sinala que hai tempo que o seu grupo municipal pon de manifesto a realización de actuacións a nivel urbanístico e a boa coordinación entre os corpos de seguridade do Estado e local para darlle seguridade a veciñanza do barrio de Meicende, pero “iso non é suficiente”.


“Somos coñecedores do proxecto de área de rehabilitación integral do Petón, pero o goberno debe actuar xa e non só refuxiarse en futuros proxectos”, expón Seco, “porque nun concello cun orzamento tan privilexiado como Arteixo, non pode haber barrios tan desfavorecidos” Seco explica que é urxente unha mellora urbanística do barrio de O Petón e As Eiras, nas vías de comunicación e mobilidade, na accesibilidade e iluminación, coa creación e coidado de espazos comúns e a limpeza e mantemento das súas zonas verdes “para a mellora da calidade de vida da veciñanza, o fomento da convivencia e a eliminación das actividades delituosas que se producen no barrio”.


Para os socialistas é imprescindible que o grupo de goberno do Partido Popular avance con présa nas actuacións de humanización necesarias nos barrios de Meicende e que “continúe coa coordinación necesaria entre os corpos de seguridade do Estado e local para disuadir esas posibles actividades delituosas”.

 

Martín Seco tamén sinala que despois de 13 anos continuados de goberno do PP os núcleos de Borroa e Naia “seguen esquecidos e o goberno local de Arteixo non da solución ás deficiencias na súa rede viaria municipal” pero ademais “case todas as semanas” persoal da empresa SUMARTE adscrito ao servizo de augas ou de empresas contratistas realizan reparacións na canalización de augas no tramo do lavadoiro de Borroa.


Seco afirma que “é evidente que as reparacións continuas, apertura de gabias e posterior asfaltado debe estar a causar un gasto importante para as arcas do concello pero non é suficiente para ter a infraestrutura en condicións axeitadas”.


O voceiro socialista urxe ao goberno local a renovar as canalizacións de auga no tramo en avaría contínua e a acondicionar o pavimento da Avenida de Borroa polo seu mal estado e para ter unhas condicións de seguridade axeitadas, e recorda as propostas socialistas presentadas no mes de agosto para solucionar esta situación:


• Construír beirarrúas na Avenida de Nostián nos tramos pertencentes ao concello de Arteixo
ata completar un traxecto seguro entre Air Liquide e a Travesía de Meicende.


• Acondicionar a pista que une Naia e Nostián para a seguridade peonil


• Anchear, asfaltar e garantir a circulación á velocidade reducida dos vehículos pola Avenida
de Borroa entre Air Liquide ata o cruce coa rúa Montillos.


• Eliminar o tapón existente na Avenida de Borroa no entorno do campo da chave coa
expropiación ou cesión das dúas vivendas en ruínas existentes.


• Adecuar o camiño que vai dende o campo da chave ata a rúa Sobrado para uso peonil. 

O PSOE de Arteixo reclama actuacións urbanísticas urxentes en Meicende e Borroa

Te puede interesar