'Feira', un cadro de Rosina Martínez para ampliar a colección do Museo das Mariñas de Betanzos

'Feira', un cadro de Rosina Martínez para ampliar a colección do Museo das Mariñas de Betanzos
María Porto entrega o cadro ao director do museo, Ángel Arcay | Cedida

O Museo das Mariñas conta cunha nova obra para a súa colección e veciños e visitantes terán oportunidade de contemplala axiña, en canto rematen as obras do inmoble, nun dos corredores do antigo convento de Santo Domingo. Trátase dun óleo titulado 'Feira', pintado en 1987 por Rosina Martínez Barral e no que se representa unha vista da Praza de Afonso IX. 

O cadro, doado por María Porto, unha veciña da cidade que tratou persoalmente á artista,  pasa a engrosar a colección de obras desta extraordinaria pintora que se está tratando de poñer en valor dende o museo xunto a outras creadoras de Betanzos como Sofía Feliu, Olimpia Tourné ou Elvira Santiso.


Precisamente, a decisión de María Porto de doar un cadro da súa propiedade veu dada pola difusión que se están facendo destas mullleres, "queréndose sumar ela á homenaxe ca doazón dunha nova pintura que poderá ser apreciada por toda a veciñanza", explicaron desde o Museo das Mariñas.


Neste sentido, o seu director, Ángel Arcay, sinalou que "o contacto co museo xurdiu a raíz de coñecer os proxectos nos que se pretende difundir as figuras femininas da cidade ligadas á arte, que non sempre foron recoñecidas polo simple feito de ser muller" incidindo en que "unha destas artistas ignoradas foi Rosina Martínez, quen ademais foi mestra de pintura de varias xeracións de betanceiros e betanceiras que pasaron polas súas clases da rúa Nova"


Con este agasallo engrósase a colección do Museo das Mariñas, onde as obras de Rosina Martínez están expostas xunto ás do seu pai, Francisco Javier Martínez Santiso, quen tamén foi mestre de pintura, tendo ao seu cargo a formación artística de betanceiras como Dolores e María García Ramos, Marisa Couceiro, Concha Costas Amenedo, Pilar Touza, María Montoto, Manola Zuloaga, Joaquina García Iribarne, María Lago Pereira, Amparo Álvarez, Lola Naveira Beade, e tamén betanceiros como José Alguero Penedo, José Paz Vila, Ignacio Núñez Colomer, José Seijo Rubio, Juan Navaza Picado ou Antonio Núñez Díaz.

 

O Goberno de Barral agradeceu a decisión de María Porto de compartir con toda a veciñanza un patrimonio que servirá para seguir difundindo a rica historia de Betanzos.

'Feira', un cadro de Rosina Martínez para ampliar a colección do Museo das Mariñas de Betanzos

Te puede interesar