‘Indumentaria Histórica e Moda en Betanzos: entre a Tradición e a Innovación’. Con este título e os argumentos que en si mesma xa ofrece a sala do traxe, o Museo das Mariñas organizou unhas xornadas para estudantes do Grao en Xestión Industrial da Moda da Universidade da Coruña. Con Xulio Fernández, Manuel Amado, Sara Fraga e Ángel Arcay. Na cidade na que naceu un dos modistos máis sobresaíntes da España actual: Jorge Vázquez.
Os alumnos de Historia da Arte e da Moda tiveron a oportunidade de achegarse á historia da cidade a través da indumentaria dos seus veciños, e sen sair do Complexo Cultural Santo Domingo. Desde a creación do gremio dos alfaiates, anterior incluso no tempo ao traslado de 1219, desde Tiobre a Untia, e coñecendo exemplos de todas as épocas, para rematar visitando a Sala do Traxe do Museo das Mariñas da man do seu director, Ángel Arcay.
A xornada continuou con tres conversas con veciños da cidade vinculados á moda: Manuel Amado, creador da marca Beloved; Xulio Fernández, ideólogo de Death or Glory Collective, e Sara Fraga, que se encargou de clausurar a sesión coa charla ‘Liño e Satén: a convivencia dos traxes cosmopolitas e os tradicionais nos comezos do século XX’. Una exposición na que abordou diferentes exemplos de indumentaria histórica a través de imaxes atopadas en documentos do Arquivo Municipal de Betanzos e a través de pezas únicas depositadas no Museo das Mariñas.
Amado desvelou os segredos da súa marca, do seu traballo diario e experiencia no sector, mentres que Fernández abundou nas claves da súa, unha liña de roupa desenfadada con gran éxito entre a xente nova, empregando motivos artísticos e políticos para o seu deseño amosando algunhas destas creacións no Alfonsetti.
Despois, dirixidos pola súa titora, Mavi Lezcano, os asistentes puideron afondar o seu coñecemento sobre a historia da moda e as vestimentas na cidade ao longo da historia, das diferentes maneiras de abordar a información que proporciona esta indumentaria, ao tempo que coñecían exemplos reais de empresas emerxentes que tratan de posicionar a súa marca no mundo da moda, explicaron os organizadores desde Betanzos.