O Concello adxudica a redacción do proxecto para rehabilitar o polideportivo de Santa Isabel

A obra contará cun orzamento de preto de tres millóns de euros
O Concello adxudica a redacción do proxecto para rehabilitar o polideportivo de Santa Isabel
Pavillón de Santa Isabel na actualidade | CONCELLO DE SANTIAGO

O executivo local deu luz verde á adxudicación do contrato de redacción do proxecto e dirección facultativa da rehabilitación integral do complexo deportivo de Santa Isabel, cofinanciado polos Fondos NextGeneration nun 80%, a Jorge Barata Martínez por un importe de 298.323,18 euros, IVE incluído.

As obras de mellora e renovación do complexo deportivo Santa Isabel terán un custo total de 2.975.903,26 euros, dos cales 2.340.149 euros se corresponden coa axuda do goberno e 634.754,21 euros, coa achega do Concello. Esta reforma permitirá mellorar a eficiencia enerxética, a sustentabilidade, a accesibilidade, a habitabilidade, a seguridade e a conservación do complexo deportivo, construído en 1983, o que o converte nun dos edificios máis antigos da cidade,

Unha das prioridades será a da mellora da eficiencia enerxética, coa posta en marcha dunha serie de medidas destinadas non só a reducir o consumo de enerxía do edificio e as emisións, senón tamén a mellorar as súas condicións térmicas interiores e adaptalo á normativa actual.

Entre as melloras que se levarán a cabo están a incorporación de novos revestimentos na envolvente térmica da fachada e a cuberta para facilitar o illamento térmico. Instalaranse tamén dúas bombas de calor, unha para a produción térmica do edificio, que apoie as caldeiras existentes para a produción de calor e de frío nos espazos actuais, e outra para a produción de ACS e quecemento de piscina.

Tamén se prevé mellorar o sistema de ventilación coa substitución dos actuais ventiladores por equipos con recuperación de calor; e o cambio das luminarias actuais por outras de tecnoloxía LED para conseguir un importante aforro enerxético, así como a instalación de paneis fotovoltaicos para autoconsumo co obxectivo de reducir o consumo enerxético do edificio.

Dedicarase unha partida de 25.228 euros para mellorar a sustentabilidade coa instalación de elementos de grifería en duchas, lavabos e inodoros que permitan unha redución do consumo de auga, sen rebaixar prestacións aos usuarios.

Tamén se levarán a cabo importantes intervencións para mellorar a accesibilidade ao pavillón polideportivo, co conseguinte traslado do acceso xeral á praza mediante unha escalinata e unha rampla lateral, que permitan un acceso amplo, cómodo e ben dimensionado, que poida repartir o público nas bancadas e que facilite a evacuación en caso de incendio. Prevese, ademais, a incorporación dun ascensor e dunha pasarela, así como a mellora da accesibilidade en aseos e vestiarios adaptados.

No apartado de habitabilidade e seguridade, prevese a adaptación das saídas de emerxencia, renovando a súa sinalización e os mecanismos de apertura, así como a renovación completa da instalación contraincendios. Tamén se adaptarán escaleiras e bancadas, incorporando varandas, pasamáns, e axustando banzos e espazos de acceso.

Por último, dedicarase unha partida para a revisión, reparación e mellora das cubertas da piscina (madeira) e o pavillón (estrutura espacial metálica). Tamén se aproveitará para renovar o local de filtración de piscinas e do seu equipamento, a adaptación da acometida eléctrica do edificio, a renovación de pavimentos de beirarrúas na contorna e acceso ao complexo.
 

O Concello adxudica a redacción do proxecto para rehabilitar o polideportivo de Santa Isabel

Te puede interesar